Ponteareas orgullosa da súa comunidade educativa

sdr

Nos consellos escolares avaliouse a situación vivida e adiantáronse propostas para o novo curso escolar

A concellería de Educación, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, quere trasladar os seus parabéns a toda a comunidade educativa por ter superado un terceiro trimestre e un final de curso completamente improvisado fóra da normalidade. A concelleira participou nestes días nos distintos consellos escolares nos que se avaliou a situación vivida e se adiantaron ideas e propostas para reforzar o sistema educativo de cara ao vindeiro curso.

Cristina Fernández quere recoñecer a actitude de superación de todas as partes que puxeron o mellor de cada un e de cada unha para seguir coa cotidianidade dos estudos enfrontándose a unha escaseza de previsión e organización na que por parte do profesorado tiveron que improvisar novos recursos e ferramentas educativas e por parte das familias aprender novos sistemas e métodos de aprendizaxe para que o alumnado puidese concluir o curso adquirindo os coñecementos programados e puidera sentir a proximidade do seu colexio.

“Todos e todas tivemos que volver a comezar o curso aquel 13 de marzo no que nos indicaban que se paralizaban as clases e debíamos permanecer nos fogares enfrontándonos á incertidume, a un baleiro de información e a un distanciamento afectivo. Para superar todo isto foi vital o esforzo realizado por todas as partes para achegarnos facendo uso das novas tecnoloxías”.

Nos últimos meses a concellería acompañou aos centros educativos para prestarlles o servizo de entrega de material formativo ás familias con menos recursos. Empregados municipais repartiron equipamentos informáticos, apuntamentos e todo o que os centros desexaban facer chegar ao seu alumando. Tamén se puxo a disposición das familias a través de emerxencia social unha axuda para ter datos e poder estudar on line.

“Acurtar a coñecida brecha dixital e procurar a igualdade foi a nosa máxima preocupación para que ningún alumno ou alumna quedara excluído/a. Pero tamén estivemos moi atentos ás consecuencias que podía provocar o distanciamento social ofrecendo na nosa páxina web asesoramento e recomendacións da man de psicólogos, profesores/as e pedagogos/as a través de vídeos, xogos e todo tipo de recursos lúdicos e didácticos”.

Cristina Fernández tamén quere recoñecer o traballo da comunidade educativa do conservatorio municipal de música que seguíu coa súa actividade lectiva empregando todas as ferramentas dixitais posibles para que alumnado e profesorado puideran seguir a rutina prevista para o curso.

A concelleira desexa a todas as familias e profesionais dos centros educativos unha boa tempada estival e felicita a todo o alumnado polo seu comportamento adiantando que xa traballan nas medidas coas que deberá comezar o novo curso.