Ponteareas ofrécese a acoller a familias refuxiadas de Ucraína 

 

Ponteareas abre as súas portas aos ucraínos e ucraínas que escapan da guerra. O Concello ofrécese a acoller a catro familias con menores e a brindarlles todo o apoio que poidan precisar nestes momentos e pon á súa disposición dúas vivendas sociais e dous aloxamentos no Convento de Canedo grazas á colaboración dos Franciscanos. “De igual xeito que o temos feito noutros conflitos bélicos, dende o Concello queremos ofrecer todo o noso apoio, comprensión e solidariedade ao pobo ucraíno e facer todo o que estea na nosa man para facilitarlles recompoñer as súas vidas tras verse obrigados a abandonar o seu país”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

A vila é unha das cidades do Eixo Atlántico que xa se está preparando para recibir refuxiados e refuxiadas da Ucraína. Este mesmo mércores o Eixo Atlántico comunicará ás embaixadas dese país en España e Portugal, así como ao presidente do Goberno español e ao Primeiro Ministro luso, a dispoñibilidade das cidades para acoller persoas refuxiadas.