O Concello pon en marcha unha campaña de divulgación do servizo de recollida de cartón para comercios

Con este servizo evítase masificar os colectores azuis de papel e cartón de uso doméstico. Os establecementos deberán depositar os residuos martes e venres de 18 a 20 horas

 

O Concello de Ponteareas porá en marcha unha campaña de divulgación do servizo exclusivo de recollida de cartón que xa está a disposición do tecido comercial da vila. Trátase dun servizo especial que ten como obxectivo “evitar masificar os colectores azuis de recollida selectiva de papel e cartón de uso doméstico co volume das caixas procedentes dos establecementos”, como explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, que agradece a colaboración dos e das comerciantes que xa están a usar de xeito exemplar este servizo, “o que permite gozar dunhas rúas da vila máis limpas, sostibles e cómodas para toda a veciñanza”.   

 

A través deste servizo, os establecementos comerciais deben depositar o cartón os martes e venres entre as 18.00 e as 20.00 horas no chan ao pé dos colectores azuis para facilitar o proceso de limpeza e recollida selectiva, non deixando outro tipo de residuos como plásticos, materia orgánica…

 

Os comercios do centro poden deixar o cartón en seis puntos habilitados ao longo das distintas rúas. No caso dos establecementos da rúa Oriente, estableceuse un punto intermedio á altura do Centro de Servizos Sociais no que deixar o cartón ás 20.00 horas para que o camión do servizo de limpeza faga a recollida de xeito rápido e coordinado, evitando posibles molestias nesta rúa tan céntrica e comercial.

 

Ademais deste servizo, a concelleira lembra que os e as comerciantes teñen á súa disposición un Punto Limpo, no que se pode descargar de forma rápida o cartón que se leve ata alí nun amplo abano de horarios. Nestas instalacións tamén poden depositarse mobles e outros enseres e dispón dun servizo de recollida gratuíto. Para máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 64 03 07.