Ponteareas modificará o orzamento para destinar máis de 650.000 euros para facer fronte ao coronavirus

O goberno de BNG-PSOE aprobará este luns en Pleno a proposta consensuda co grupo independente ACiP para atender a emerxencia social e favorecer a reactivación económica
A Corporación Municipal de Ponteareas tratará este luns, de forma telemática, a modificación do orzamento municipal por un importe total de 1.137.000 euros dos que máis de 650.000 serán destinados a facer fronte á crise provocada polo coronavirus, co obxectivo de atender a emerxencia social das familias con menos recursos e para favorecer a reactivación económica.

Os cambios propostos teñen como finalidade atender aos veciños e veciñas máis vulnerables e a todos os que a crise fixo máis dano como autónomos e pequenas empresas, especialmente comercio, hostalería e servizos, “son medidas pensadas para as persoas que perderon o seu traballo, ingresos e que moitos non poden cubrir necesidades básicas”, manifestou o alcalde, Xosé Represas.

A modificación do orzamento implicou unha redución de case 900.000 euros das partidas destinadas a gastos de persoal, das prazas vacantes da plantilla e que neste ano non se van a cubrir, o importe restante sae de partidas de eventos e actos culturais e festivos que nestes meses non se poden realizar, ademáis doutras partidas de gastos nas que é posible reducir a súa cuantía ou non se van executar.

Para as medidas de reactivación económica, axudas directas e axudas de emerxencia social, o goberno municipal de BNG-PSOE consensuou con ACiP estas medidas, incorporando na proposta de acordo varias das aportacións do grupo independente; así a partida destinada as axudas directas será de 180.000 euros sumando un total de 230.000 euros para atender as solicitudes da convocatoria de subvencións que xa está aberta nestes momentos para apoiar aos negocios que tiveron que pechar polo estado de alarma ou que teñen merrmados os seus ingresos. Tamén se crea outra partida de 180.000 euros para unha nova convocatoria de axudas complementarias ás do Estado ou da Xunta para a reactivación económica.

 

Outras das partidas relevantes é a destinada a incrementar o diñeiro destinado ás axudas de emerxencia social para ás familias con menos recursos con 135.000 euros máis así como 24.000 euros para o Centro de Reparto de Alimentos municipal que sumados á partida xa existente no orzamento supón un total de 279.000 euros para as axudas de emerxencia social.

A modificaciòn do orzamento tamén contempla outras partidas destinadas a incentivar as compras e o consumo no comercio local como o Bono Comercio, así cómo unha plataforma de promoción en internet para que o comercio local poida competir tamén no comercio electrónico.