Ponteareas incorpora unha mestra composteira para a xestión de residuos ao abeiro do Plan Revitaliza

Ponteareas incorpora unha mestra composteira para a xestión de residuos ao abeiro do Plan Revitaliza. Actividade da mestra composteira no IES Pedra da Auga

Será persoal laboral interino e a súa contratación conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra

O Concello de Ponteareas conta cunha mestra composteira para o proxecto de actuación en materia de residuos que levará a cabo o municipio. Contratada ata agosto de 2024 con posibilidade de prórroga durante un ano máis, a mestra composteira é persoal laboral interino e a súa conta cunha subvención ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra para sufragar parte do custo salarial.

“Coa incorporación desta persoa experta, que leva xa tempo traballando con nós, dende o Goberno local continuamos coa nosa aposta pola compostaxe e a reciclaxe dos residuos do municipio de forma sostíbel, ecolóxica e eficiente”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

Para a concesión da subvención, a Deputación tivo en conta diferentes parámetros como a experiencia acumulada polo Concello no tratamento dos residuos orgánicos a través da compostaxe, ademais da realización de outras accións destinadas a fomentar a separación en orixe e a posibilidade dos municipios de conseguir o tratamento progresivo da totalidade da fracción orgánica de residuos municipais mediante composteiros.