Ponteareas, Braga e Santiago de Compostela converxen para render homenaxe a Rosalía de Castro e José Afonso

A vila do Tea acollerá os días 11, 12 e 24 de febreiro espectáculos musicais e de teatro de artistas de ambos lados do río Miño

Ponteareas, Braga e Santiago de Compostela converxen para render homenaxe a Rosalía de Castro e José AfonsoPonteareas volverá ser un dos eixos da cultura galega e portuguesa durante a novena edición do festival Convergencias Galicia-Portugal, que este ano permitirá unir á galega vila do Tea e Santiago de Compostela coa lusa Braga a través de música, danza, teatro, cine, charlas, exposicións e moitas ofertas culturais máis.

O festival recalará en Ponteareas os vindeiros 11, 12 e 24 de febreiro con tres propostas enriquecedoras e de grande interese cultural cos que continuar homenaxeando a Rosalía de Castro e José Afonso “e estreitando os lazos que unen a Galicia e Portugal, evidenciando as semellanzas entre as dúas culturas”, como salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Organizado polo grupo Canto D’Aqui e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, o Concello de Ponteareas colabora unha edición máis con esta festa da lingua e da cultura. O festival chegará á vila do Tea este sábado 11 de febreiro ás 20.00 horas co espectáculo ‘Cantares da Raia’, con Augusto Canário, Cândido Miranda, Josinho da Teixeira e Lupe Blanco. A sala multiúsos do auditorio municipal acollerá esta desgarrada miñota e regueifa galega que evidenciarán as semellanzas entre culturas representadas polos seus cantares tradicionais na súa forma máis pura.

O domingo 12 será a quenda do Orfeão de Merelim e Ars Cantorum de Guillade, que traerán a Ponteareas ese estilo marcadamente portugués creado polo propio José Afonso no século XX inspirado polas tradicións populares e urbanas. Será ás 18.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal.

O festival baixará o pano en Ponteareas o venres 24 de febrero (20.00 h) coa obra de teatro ‘Mulheres’, de TIN.BRA, Academia de Teatro.  Chega á sala multiúsos do auditorio municipal este retrato de tres historias de vida dramáticamente reais protagonizadas por tres mulleres con idades distintas, percorridos diferentes e lugares dispares que contan a súa vida de dor e sufrimento. Historias reais que gañaron forma de texto teatral para ofrecer una peza para ser vista, sentida e reflectida coa expectativa de que o teatro axude a mudar o mundo.

Groba destaca “a importancia para Ponteareas de continuar formando parte deste festival transfronteirizo tan relevante, xa que permite seguir estreitando conexións culturais e históricas entre Galicia e Portugal”. O concelleiro anima ademais a toda a veciñanza “a asistir a estes tres espectáculos de balde de gran valor artístico e cultural”.