Ponteareas felicita ao Fondo Galego de Cooperación, do que forma parte, por acadar o recoñecemento do II Premios Consello Social-UVigo-Humana

O Concello de Ponteareas transmite os seus parabéns ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade por acadar un dos II Premios Consello Social UVigo-Humana, galardón que o Fondo quere compartir coas administracións locais asociadas. O Concello de Ponteareas é membro do Fondo Galego de Cooperación dende o ano 2016 formando parte así dunha equipa que traballa para acadar a igualdade en todo o mundo axudando aos países máis desfavorecidos e contribuír á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

 

O Fondo Galego de Cooperación e solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galicia unidas pola vontade común de contribuír á erradicación das desigualdades Norte-Sur, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galicia.

 

O Fondo Galego é un espazo transpartidario e plural, libre de personalismos políticos, inspirado pola vontade de consenso e pola idea de que a solidariedade e a cooperación internacional deben ser áreas de colaboración e non de confrontación.

Un dos seus obxectivos é contribuír, desde as administracións locais galegas, ao desenvolvemento dos países e comunidades empobrecidas para promover cambios positivos e sostibles nas condicións de vida que contribúan á plena realización dos Dereitos Humanos Universais.
Tamén promove unhas administracións locais e unha cidadanía galega sensibilizadas, concienciadas e comprometidas coas políticas e accións de cooperación ao desenvolvemento, co obxecto de favorecer unha maior comprensión da realidade dos países empobrecidos, da necesidade dun compromiso ético na loita contra as desigualdades e a prol dunha maior equidade a nivel global.

 

Ademais, promove e posibilita que todas as administracións locais galegas poidan impulsar e/ou ser partícipes de accións e políticas de cooperación ao desenvolvemento, potenciando a coordinación das mesmas.

Defender, reivindicar e visibilizar a cooperación ao desenvolvemento, especialmente a impulsada polas administracións locais galegas, ante todo tipo de organismos e institucións é outro dos piares do Fondo.

Procurar que progresivamente as administracións locais galegas que formalicen o seu compromiso con políticas de cooperación ao desenvolvemento incrementen os seus respectivos orzamentos para este fin e promover programas de voluntariado nacionais e/ou internacionais co obxecto de contribuír á solidariedade entre os pobos, completan os seus obxectivos.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997 como expresión institucional da crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias, a pobreza mundial, catástrofes e guerras, grazas ao impulso do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), think tank de relacións internacionais centrado na promoción de Galicia no exterior, xunto a dez concellos galegos e ao apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Xunta de Galicia, Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e a Oficina de Información da ONU en Madrid.

Nestes días, e como parte da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Concello de Ponteareas vén de recibir a súa Axenda 2021 que recolle as imaxes dos proxectos e campañas realizadas ao longo do ano na nosa terra e en distintos países do mundo.