Ponteareas e FEGADACE colaboran na prevención do dano cerebral adquirido

Ponteareas e FEGADACE colaboran na prevención do dano cerebral adquirido

 

A sala multiúsos do auditorio municipal acollerá o vindeiro martes 5 de abril (17.30 h) unha charla na que se falará das causas e se darán consellos

 

O Concello de Ponteareas e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) colaboran para sensibilizar á veciñanza sobre o dano cerebral adquirido, unha discapacidade resultante dunha lesión no cerebro causada, na maioría dos casos, por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico e que só en Galicia afecta a unhas 35.000 persoas.

 

Dentro desta campaña de sensibilización, o vindeiro martes 5 de abril a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá a charla informativa ‘O dano cerebral adquirido’, un encontro no que as e os participantes poderán coñecer de primeira man as causas principais desta doenza e outras menos comúns, como poden ser os accidentes de tráfico, os tumores cerebrais ou a anoxia. Pero tamén recibirán consellos de prevención e achegaranse ao modelo de atención e rehabilitación da enfermidade. Ademais, a traballadora social de FEGACE presentará o recurso asociativo máis próximo a todas e todos os ponteareáns, Alento, a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, de ámbito provincial.

 

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, anima “a toda a veciñanza a participar nesta actividade que é fundamental para poder atender e controlar os factores de risco que poden provocar o dano cerebral adquirido e as súas secuelas”.

 

A charla será ás 17.30 horas con entrada de balde e acceso libre, aínda que se recomenda facer inscrición previa a través do teléfono 652 770 653.