A Sestelo – Clásica Álvaro Pino presenta o seu maillot oficial para este 2022

A Sestelo - Clásica Álvaro Pino presenta o seu maillot oficial para este 2022

 

A camisola que recibirán todos os participantes na marcha está inspirada no maillot que luciu Álvaro Pino durante a tempada de 1988, cun elegante deseño en vermello e branco

 

A Sestelo – Clásica Álvaro Pino, que se celebrará o próximo 22 de maio en Ponteareas, presentou onte mércores o maillot oficial desta segunda edición organizada pola asociación deportiva Plan C e que conta coa colaboración do Concello de Ponteareas.

 

O acto de presentación, conducido polo popular presentador Terio Carrera, tivo lugar no Auditorio de Ponteareas e contou coa presenza do ex corredor Álvaro Pino e diversas autoridades institucionais que patrocinan a marcha cicloturista pertencentes ao Concello de Ponteareas, GDR Condado Paradanta, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, representantes da empresas privadas patrocinadoras principais da marcha, e novas promesas do deporte como BorjA Gómez e Claudia García.

 

A camisola oficial elaborada pola marca Gobik que se entregará a todos os participantes este ano está inspirada no maillot que Álvaro Pino luciu durante a tempada de 1988, en cor vermella e branca.

 

Na parte dianteira figura o logo dos dous patrocinadores principais -Grupo Sestelo e Grupo Asegurador Lynalfa-, na parte traseira as institucións principais que colaboran coa marcha cicloturista – Concello de Ponteareas e Deputación de Pontevedra- e en ambas as mangas o  logo do  GDR Condado Paradanta.

 

Cunha combinación de teas aerodinámicas e técnicas, o modelo Gobik favorece a máxima adaptación ergonómica e unha  transpirabilidade total para que todos os participantes na marcha poidan gozar de cada saída esta tempada. A camisola entregarase aos participantes o día da marcha.

 

O gran fondo cicloturista repite este ano percorrido. 110 quilómetros, con saída e chegada a Ponteareas, cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, pero tentando  reagrupar aos corredores nos avituallamientos da Cañiza e Covelo tentando así evitar a dispersión. A marcha pasará por 7 concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña.

 

Os organizadores estiman este ano unha participación de 500 corredores tras o éxito da pasada edición. Desde a organización confirman que xa está aberto o segundo tramo de inscricións, ata o 17 de abril, e a un prezo de 39 euros. O último tramo de inscricións comezará o 18 de abril e terá un prezo de 45 euros ata o peche de inscricións o 8 de maio ás 23.59 horas.

 

A organización confirma a dispoñibilidade de prazas para todos aqueles que aínda desexen inscribirse, a través da páxina web oficial www.clasicaalvaropino.com.