Ponteareas decreta novas medidas tras declararse o nivel de alerta vermella pola COVID-19

Suspéndese a actividade sociocultural e deportiva en equipo, limítanse as feiras e mercados e suprímense as visitas á Residencia

Intensifícase a desinfección e pautase o acceso ao Cemiterio Municipal

O Concello de Ponteareas vén de reunir de urxencia o seu comité de seguimento da COVID-19, tras aumentar novamente a incidencia da pandemia na localidade. Segundo os datos oficiais publicados polo Servizo Galego de Saúde, Ponteareas sitúase en nivel de alerta vermella, ao superar nos últimos sete días os 21 novos casos positivos confirmados por PCR.

 

O goberno municipal aclara unha vez máis que “ningún Concello recibe da Consellería de Sanidade o número concreto de persoas contaxiadas pola COVID-19, pero ante os datos semanais publicados no mapa epidemiolóxico galego, debemos tomar medidas que poñan freo á escalada de contaxios, xa que sitúan a Ponteareas nun tramo que acumula entre 28 e 42 novos casos nas últimas dúas semanas”.

 

Entre as medidas adoptadas, que estarán en vigor mentres se manteña o nivel de alerta, suspéndense todas as actividades e eventos socioculturais nas instalacións públicas e nos Centros Culturais, con excepción da Biblioteca Municipal que permanecerá aberta para o préstamo de libros. Así mesmo, decrétase a suspensión das actividades deportivas en equipo que se practican nas instalacións municipais, mantendo unicamente as competicións federadas xa programadas, que poderán celebrarse sen presenza de público.

 

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, sinalou que “somos conscientes da seguridade coa que se viñan desenvolvendo as actividades culturais e deportivas por parte das diferentes entidades, pero ante a nova situación decidimos extremar as precaucións e pór en marcha todas as medidas que poidan axudar a minimizar os riscos e paliar a gravidade da situación para preservar a saúde da cidadanía”.

 

Outra das medidas adoptadas polo goberno local refírese ás feiras e mercados, onde os postos estarán limitados unicamente á venda de produtos agroalimentarios. Ademais, intensificarase a desinfección en espazos públicos como parques infantís e biosaudables, suspéndese a celebración de bingos sociais e suprímense as visitas á Residencia de Maiores.

 

Normativa específica para o Cemiterio Municipal

De cara á celebración da festividade de Todos os Santos e Defuntos, o goberno detallou unha serie de medidas aplicadas ao Cemiterio Municipal, de acordo co protocolo establecido pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Entre elas estipúlase o horario de apertura da instalación, que será de 9 a 19h, establecendo un máximo de 4 persoas conviventes por grupo de visitas, cunha duración inferior a trinta minutos. Así mesmo, organizarase a zona de tránsito de vehículos, que accederán pola estrada provincial cara As Neves e sairán cara a rúa Trovador Xoán García de Guillade. Co fin de evitar aglomeracións, non se celebrarán oficios relixiosos na instalación e a entrada e saída do recinto será controlada, realizando tomas de temperatura e facilitando xel hidroalcohólico no acceso para a desinfección de mans. Persoal Municipal e a Agrupación de Voluntarias e Voluntarios de Protección Civil velarán polo cumprimento das medidas establecidas.

Descargue aquí o bando municipal 20201029_Publicación_Bando_2020.10.29.- Bando alerta vermella Covid (1)(2) (1)