O pleno aproba a solicitude da declaración ARI de máis de 90.000 metros cadrados do casco histórico

   

A Corporación manifestou o seu apoio unánime aos traballadores/as de Maderas Iglesias

Por iniciativa da Concellaría de Medio Ambiente asinarase coa Deputación o convenio que permitirá o servizo de retirada de vehículos fóra de servizo

O goberno de Ponteareas aprobou no pleno ordinario de onte solicitar á Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia o recoñecemento de 92.875 metros cadrados do casco histórico de Ponteareas como Área de Rehabilitación Integral (ARI).

Esta iniciativa do goberno do BNG e do PSOE beneficiará a un total de 518 vivendas agrupadas en 74 edificios de uso residencial colectivo e 133 vivendas unifamiliares que poderán optar a axudas específicas para a rehabilitación tanto exterior como interior. A declaración ARI supón recuperar os espazos tanto públicos como privados mellorando así a calidade de vida da veciñanza e favorecendo a creación de emprego. Esta medida, xunto á recente adquisición dun edificio na praza Maior, para destinalo a servizos municipais á cidadanía, é unha firme aposta pola dinamización e revitalizacion do casco histórico da vila.

Un pleno no que parte dos concelleiros e concelleiras asistiron de xeito presencial e outros/as de xeito telemático para garantir o cumprimento das distancias de seguridade e sanitarias, ademais de acurtar os tempos de exposición.

No pleno de onte tamén se aprobou, por iniciativa da concellaría de Medio Ambiente, o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para dar continuidade ao servizo de retirada de vehículos ao final da súa vida útil ou fóra de servizo. Grazas a este convenio o Concello conta cun servizo de retirada dun residuo que poder ser altamente contaminante.

Por unanimidade de tódolos grupos da Corporación tamén se aprobou instar á Xunta de Galicia a adoptar medidas para que a actividade da empresa Maderas Iglesias, na que traballan 23 ponteareáns/ás e que suporía a perda de máis de 140 postos de traballos, desempeñados na súa maioría por mulleres.

Así mesmo, houbo unanimidade no apoio das demandas dos emigrantes retornados, expoñendo expoñendo o Presidente do colectivo na comarca, Octavio Méndez, as súas as súas reclamacións para que se revise o que consideran un tratamento fiscal inxusto das súas pensións.

A pesar dos votos en contra do Partido Popular, os restantes grupos da Corporación acordaron instar á Xunta de Galicia a reactivación da asistencia sanitaria pública xa que, na actualidade, a asistencia telefónica está a mermar a calidade do servizo e imposibilitando unha atención axeitada para determinados doentes, en especial os que padecen enfermidades crónicas ou mesmo a diagnose de novas patoloxías. A voceira do BNG, Cristina Fdez Davila, insistíu na necesidade de recuperar a atención presencial nos casos en que sexa imprescindible para a súa diagnose. Para isto sería preciso unha mellora na seguridade dos centros de saúde e na protección do persoal sanitario. A concelleira trasladou ao pleno as demandas de usuarios/as que non conseguen contactar por teléfono e lembrou que hai máis de sete meses que se ten solicitada á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a alta dunha nova liña telefónica así como unha mellora nas instalacións do centro de saúde que se queda pequeno coa poboación actual e máis tendo en conta as novas necesidades de distanciamento interpersoal.