Ponteareas convertérase a ritmo de gaita na capital da música tradicional galega

 

O Concello convoca a 54 edición do Concurso de Gaitas do País para promover e difundir a música tradicional galega

Os grupos participantes poderán mostrar os seus traballos o próximo sábado 18 de setembro antes do concerto de Milladoiro na vila

 

O Concello de Ponteareas acaba de convocar para o vindeiro sábado 18 de setembro a LIV (54) Edición do Concurso de Gaitas do País. O municipio vivirá ese día a festa musical desta especialidade máis antiga de Galicia, e que coloca a vila como referente no panorama da música tradicional galega.  

 

Os grupos participantes tocarán en directo no exterior da Casa do Concello de Ponteareas, e ademais, cos seus traxes tradicionais completos, recorrerán as rúas da contorna coas súas melodías. Durante estes pases o xurado decidirá os gañadores dos catro premios que reparte o concurso, os primeiros recibirán 1.800 euros, os segundos 1.200, os terceiros 900, e os cuartos 600. Ademais, cada grupo participante, agás os gañadores, recibirá unha gratificación de 300 euros. 

 

O Concello organiza este premio para promover e difundir a música tradicional galega. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, expón que “para nós é un orgullo e unha grande oportunidade ofrecer un lugar para que os grupos mostren as melodías que dignifican o folclore galego”. Este ano, ademais, para pechar a festa musical a administración local organiza na noite do sábado 18 de setembro no parque da Feira Vella o concerto de Milladoiro, e o compoñente do grupo Xosé Ferreiros formará tamén parte do xurado do concurso. 

 

Para participar no concurso os grupos que o desexen deben realizar a inscrición no Rexistro de Entrada do Concello de Ponteareas a través da sede electrónica ou a través de calquera das formas previstas no art. 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), de balde.

 

O prazo de admisión de solicitudes remata o día 10 de setembro de 2021. Máis información na web do Concello.