Ponteareas reclama ao Sergas a reposición das prazas de persoal sanitario que suprimiu na última década

A alcaldesa e concelleira de Saúde, Cristina Fernández, solicitou nun
escrito a incorporación de profesionais para garantir unha atención de
calidade 

 

O Sergas, debido a falta de persoal facultativo que poda substituír baixas ou
vacacións, decidiu interromper todas as consultas ordinarias en horario de
tarde no centro de saúde de Ponteareas, e derivar aos pacientes de urxencia
ou que xustifiquen que non puideron acudir de mañá ao PAC. A alcaldesa e
concelleira de Saúde de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, reclama, cun
escrito enviado hoxe á Xerencia do Sergas, a incorporación de profesionais
sanitarios para evitar que siga mermando o servizo en Ponteareas.

 

No escrito lembra que a atención primaria no municipio presenta unha falta de
recursos materiais e humanos que cada vez son máis preocupantes. Para a
alcaldesa non é aceptable que moitos veciños e veciñas teñan que aprazar
todas aquelas revisións ou probas que non se precisen de xeito inmediato, e
lembra que, “en numerosas ocasións”, o Concello reclamou ao Sergas unha
solución á falta de servizos e persoal sanitario, pero que, polo de agora, a
situación continúa no mesmo punto.

 

Cristina Fernández asegura que o Concello de Ponteareas “sempre terá a man
tendida para colaborar coa Xunta de Galicia para mellorar a situación actual”, e
aproveita para lembrar que “investir en servizos prioritarios para as galegas e
galegos como é a sanidade pública debe ser a maior prioridade”.