Ponteareas consegue na primeira reunión sobre os problemas na N-120 co Ministerio de Fomento o compromiso de arranxar os problemas de iluminación e sinalización

Haberá una nova reunión técnica para concretar todos aspectos de este acordo no que colaboraron o Goberno, as forzas políticas con representación municipal e a plataforma de afectados N120.

O alcalde Xosé Represas e a Concelleira de Mobilidade Vanesa Fernández, representantes da Plataforma de Afectados N120, así coma os voceiros das forzas políticas con representación municipal BNG, PSOE, PP, ACIP e EU-Son asistiron hoxe á reunión para tratar o grave problema de seguranza na N-120 co responsable de Demarcación de Carreteras del Estado, Ángel G. Del Río, e o Director Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Jorge Urrecho.

“Este é un primeiro paso para dar solución aos problemas na N-120. Coidamos que é positiva a reunión, pois houbo un entendemento sobre os temas máis inmediatos coma a iluminación e a sinalización.”, explica o alcalde Xosé Represas. A Corporación Municipal convocará a comisión de seguimento constituída sobre a problemática

A estrada N-120 cruza a zona máis poboada do Concello de Ponteareas, atravesando as parroquias de Xinzo, Arnoso, Areas, Ponteareas, Fontenla, Arcos, Santiago de Oliveira e San Lourenzo de Oliveira. Trátase dunha vía que soporta diariamente unha elevada carga de tráfico local e comarcal, situación que incluso provoca grandes retencións nas horas punta.

Esta carga de tráfico, cun asentamento de poboación moi próximo a esta estrada N-120, leva aparellado situacións de grave risco con moitos lugares cunha elevada concentración de accidentes.

Estes accidentes son consecuencia de non contar cos elementos de protección e seguridade viaria necesarios para os peóns e condutores nunha estrada con iluminación inadecuada e insuficiente, inexistencia de beirarrúas e pasos habilitados para poder cruzar con seguridade, deficiencias nas interseccións das estradas municipais coa devandita nacional, tramos sen sinalización de limitación de velocidade. Amais, non hai unha alternativa á conexión entre a N-120, a A-52 e o núcleo urbano de Ponteareas, que reduza o tránsito, cun índice de máis de 15.000 vehículos por día.