Ponteareas conmemora este sábado o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Concello, Adapta e Cogami lerán un manifesto durante un acto aberto á veciñanza este 3 de decembro no salón de plenos

Ponteareas conmemora este sábado 3 de decembro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cun acto aberto a toda a veciñanza ás 12.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial. “Con este evento unímonos para sensibilizar e concienciar sobre a importancia de dispoñer de todos os apoios posíbeis para a integración das persoas con discapacidade en todos os aspectos da vida social, política, económica e cultural”, asegura a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

O acto comezará coa actuación dunha pequena representación da Banda de Música de Guláns, que dará paso á lectura do manifesto por parte de representantes da Banda, do Concello, Federación Cogami Pontevedra e Adapta, entidade que representa ás persoas con discapacidade das comarcas do Condado e a Paradanta.

Fundada no ano 2003, Adapta é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social e da prestación de servizos que cumpran as súas necesidades e expectativas. Dende entón converteuse nun espazo de referencia para as persoas con discapacidade do concello de Ponteareas, pero tamén de Salvaterra do Miño, As Neves, Mondariz, A Cañiza, Arbo, Crecente ou Covelo.

O acto de conmemoración pecharase coa presentación da vindeira edición do concerto solidario da Banda de Música de Guláns en favor da Asociación Adapta.