Ponteareas co mestre Rogelio Groba

Dende a Concellaría de Cultura convídase a apoiar a candidatura do compositor Rogelio Groba Groba aos Premios Princesa de Asturias das Artes 2021. Os vindeiros sábados, diante do Auditorio Municipal, colocarase unha mesa para recoller as sinaturas de apoio á candidatura en horario de 11 a 13:30 horas.

 

O mestre Rogelio Groba naceu na parroquia de Guláns o 16 de xaneiro de 1930. Entrou en contacto coa música a través da banda da súa parroquia. Alí, deu os seus primeiros pasos musicais e comezou os seus estudos de música aos once anos, tocando o piccolo. Os progresos de Groba levárono a ser aceptado, con tan só 13 anos, como piccolo solista da banda de Guláns. Anos máis tarde, exerceu como director da Banda de Música da súa parroquia.

 

Na súa dilatada traxectoria, dirixiu numerosas bandas e agrupacións musicais, tanto en España como en Europa e foi promotor da Orquestra Sinfónica de Galicia. Exerceu como profesor de harmonía, contrapunto, fuga e composición no Conservatorio Superior de Música da Coruña, que dirixiu durante vinte anos, ao tempo que fundou paralelamente numerosos conservatorios por toda Galiza.

 

Autor de varios ensaios e libros, dende 1992 dedícase exclusivamente á creatividade musical. A súa obra supera as 700 composicións, o que converte no compositor galego máis prolífico.

 

“Dende o Concello queremos apoiar activamente esta candidatura pois, a través da súa música, Groba universaliza a música galega e reflicte o carácter da nosa terra con composicións como “Corpus en Ponteareas” comenta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.