DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 8M. CORPORACIÓN MUNICIPAL DE PONTEAREAS

 

Este 2021, Nacións Unidas elixiu como lema para este día “Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”. E é que hai xa un ano que un feito doloroso e insólito para a nosa xeración alterou e escureceu as nosas vidas. Unha pandemia mundial, unha crise sanitaria que conlevou outra social e económica. Durante a pandemia as mulleres estiveron en primeira liña e desempeñado un papel extraordinario. Como traballadoras no ámbito sanitario, a ciencia e a investigación, desde os servizos esenciais, pero tamén asumindo a responsabilidade dos coidados no ámbito privado.

 

A pandemia fixo visíbel o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e aqueles traballos esenciais para a sociedade. Estes empregos están ocupados maioritariamente por mulleres e son, ademais, os máis precarios e invisibilizados, moitos deles mesmo sen cobertura legal. As caixeiras, as limpadoras, as traballadoras domésticas, as coidadoras de diferentes ámbitos, as sanitarias, etc foron visíbeis no comezo desta crise e aparentemente recoñecidas social e institucionalmente. Porén, un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais non melloraron, senón ao contrario.

 

Son moitas as que fixeron malabares coas clases dos seus fillos e fillas, a atención aos seus pais e nais ou avós e avoas, o traballo profesional, ás tarefas do fogar. As que máis sufriron eses efectos, á conta da súa propia carreira laboral e ata do seu benestar. E por suposto, supuxo unha tortura engadida a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero.

 

A crise puxo de relevo tanto a importancia fundamental das contribucións das mulleres como as cargas desproporcionadas que soportan. Ademais por mor da pandemia da Covid 19 xurdiron novos obstáculos que se suman aos de carácter social e sistémico que persistían antes e que frean a participación e o liderado das mulleres. Porque a pesar de que as mulleres constitúen a maioría do persoal de primeira liña, ainda están infrarrepresentadas nos espazos de poder e da toma de decisións. 

 

É indubidable que a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar. Temos que apostar por un modelo de sociedade corresponsable no que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares, no marco do necesario cambio cultural en torno aos usos do tempo.

 

É fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia.

 

Un dos camiños que conducen ao emprego de calidade e ao benestar social son as políticas de conciliación, outro non menos importante é o da formación e o coñecemento. Precisamente pola inxusta distribución da responsabilidade da conciliación, moitas mulleres viron e aínda ven dificultada a súa inserción no mercado laboral e tamén as súas posibilidades de formación e desenvolvemento.

 

Para iso, ademais da aplicación de políticas específicas, resulta imprescindible seguir traballando para eliminar os estereotipos e roles que sustentan a desigualdade de xénero.

 

A manifestación máis cruel e da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo é a violencia de xénero.

 

A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación.

 

Para iso necesítase un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres.