Patricia Fernández e a súa ‘Noite máxica’, gañadora do concurso fotográfico ‘Pontepenedo’

Patricia Fernández e a súa ‘Noite máxica’, gañadora do concurso fotográfico ‘Pontepenedo’

A entrega de premios celebrarase o vindeiro luns 13 de decembro ás 20.00 horas no salón de plenos

 

O Concello organiza este certame para poñer en valor os elementos do patrimonio natural de Ponteareas á vez que fomenta a súa divulgación e a creación artística

 

O concurso fotográfico ‘Pontepenedo’ xa ten gañadoras. Tres mulleres alzáronse cos catro primeiros premios deste certame convocado por primeira vez polo Concello de Ponteareas a través da Concellaría de Lingua coa finalidade de pór en valor os elementos do patrimonio natural da vila, divulgalos e fomentar a creación artística a través da fotografía.

 

Tras ver o fallo do xurado, o Concello acordou conceder a Patricia Fernández González e á súa fotografía titulada ‘Noite máxica’ o primeiro premio, que conta cunha dotación económica de 300 euros. O segundo premio, dotado de 200 euros, será para Analía Martínez Caride pola súa imaxe ‘Camiño que me leva a ti’, mentres que o terceiro premio, de 100 euros, será para María José Prado Gregores pola súa fotografía titulada ‘Parte traseira do penedo’. Patricia Fernández González repite vitoria coa foto ‘Vermello’, coa que acadou o cuarto premio, dotado con 50 euros.

 

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, sinalou a gran calidade técnica e artística, a creatividade e a orixinalidade das imaxes presentadas. “Queremos agradecer a todas as persoas que nos enviaron as súas fotografías a súa dedicación e esforzo para conseguir retratar o noso patrimonio natural dun xeito único”, salientou o edil.

 

A entrega de premios celebrarase o vindeiro luns 13 de decembro ás 20.00 horas no salón de plenos do Concello e contará coa actuación musical de Zeus Alfaya, acompañado de Serghei Maximov. Durante o acto proxectaranse todas as fotos presentadas a concurso.