Ponteareas inviste máis de 62.000 euros en alumeado público, pavimentación e material

O Concello de Ponteareas investiu nos últimos meses máis de 62.000 euros en alumeado público, pavimentación e material de obra ao abeiro da Liña 2 do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, destinado a gasto corrente novo.

 

Deste xeito, destináronse 18.000 euros ao mantemento da iluminación pública, un investimento que permitiu levar a cabo a conservación, reparación e mantemento das luminarias municipais, así como a reposición de lámpadas, o subministro de material eléctrico e a revisión de cadros de mando e de tomas de terra.

 

En canto á pavimentación, o Concello investiu 24.000 euros para a subministración de materiais bituminosos para o mantemento e reparación da pavimentación e da rede viaria. As obras desenvolvéronse en todas as parroquias ponteareás, prestando especial atención a aquelas vías que rexistran unha maior intensidade de tráfico rodade e que son máis utilizadas pola veciñanza da zona.

 

Ademais tamén se dedicaron 20.000 euros ao subministro de material de construción como palas, terazo de botón vermello, sacos de cemento, disolventes, ladrillo e material de ferraxaría, de fontanaría ou granular.

 

A concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote, explica que este apoio permitiu unha maior liquidez da partida orzamentaria correspondente aos diferentes apartados abordados a través do Plan Concellos e que ese importe fose derivado a outras necesidades das memas áreas.