Participar na Semana das Ciencias ten premio!

Participar na Semana das Ciencias ten premio!

 

O Concello sorteará un patinete eléctrico para adultos entre o alumnado dos centros pontearéans que asista a todas as conferencias do ciclo das tardes

 

Premiar o interese pero tamén a curiosidade e a participación. Así resume a alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, a decisión de sortear entre o alumnado dos centros educativos de Ponteareas un patinete eléctrico para adultos.

 

Pero non todos poderán optar a este novidoso e prezado agasallo: só poderán entrar no sorteo aquelas e aqueles que asistan ás catro conferencias que se celebrarán de luns 21 a xoves 24 na sala multiúsos do auditorio municipal ás 19:30 horas.

 

A doutora arquitecta Patricia Muñiz falará en Ponteareas de hábitat sostíbel e presentará o seu proxecto de vivendas para refuxiados e desprazados, o doutor enxeñeiro David Patiño de biomasa como recurso enerxético e o popular catedrático de física aplicada da Universidade de Santiago, Jorge Mira, tentará explicar por que está a cambiar o clima. Os emprendedores e investigadores locais Sergio Quiroga, Fernando Castro e Pablo Moure pecharán o ciclo de conferencias compartindo co público os seus proxectos e experiencias.

 

“Por sexto ano consecutivo a Semana das Ciencias volve ser unha oportunidade única de escoitar ao mellor persoal investigador e científico de Galicia, de conversar con eles e elas e de achegarnos á ciencia dun xeito sinxelo e comprensíbel”, comenta a rexedora. Engade tamén que o obxectivo é dar visibilidade á importancia da ciencia no noso día a día e poñer en relevo a necesidade de investir en investigación como ferramenta para a nosa sociedade de benestar.

 

Traballar o presente mellora o futuro, por iso para a alcaldesa é indispensábel que toda a poboación participe. Por este motivo, a Semana das Ciencias ofrece actividades para toda a cidadanía, dende contacontos na rúa para os máis pequenos, a seminarios para profesorado e saídas didácticas para alumnado.

 

Para apoiar á mocidade máis curiosa e comprometida da nosa vila, este ano a Semana das Ciencias agasallará aos máis curiosos cun patinete eléctrico de altas prestacións. Con modo ECO  e tripla sistema de freado de seguridade extrema, o “BONGO SERIE A CONNECTED” será sorteado no marco da Feira das Ciencias que este ano será o venres 25 de marzo de 17.00 a 20.00 horas na contorna do Concello. En caso de climatoloxía adversa a feira trasladarase ao patio cuberto do CEIP Fermín Bouza Brey.

 

PROGRAMA DA VI SEMANA DAS CIENCIAS DE PONTEAREAS