Ponteareas xa ten renovado máis do 75% do alumeado do seu rural

 

Ponteareas xa ten renovado máis do 75% do alumeado do seu ruralO obxectivo destes traballos é substituír un total de 7.560 luminarias nas parroquias e no centro urbano para mellorar o aforro enerxético e a seguridade cidadá

 

As parroquias de Ponteareas poden presumir de novo alumeado. O Concello de Ponteareas xa renovou máis do 75% das luminarias situadas no rural, con case 5.000 puntos cambiados dos 6.464 totais existentes nestas zonas. “Continuamos coa nosa aposta polo rural, tamén no alumeado, xa que considerabamos prioritario comezar polas nosas parroquias e ir achegándonos pouco a pouco ao casco urbano”, sinala Chus Garrote, concelleira de Vías, Obras e Alumeado.

 

Con este proxecto, o Goberno municipal do BNG-PSOE aposta pola mellora do aforro enerxético e a seguridade cidadá cunha iniciativa confinanciada ao 80% con fondos do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

 

Ata o momento os sectores 1 e 2 son os máis avanzados, con case a práctica totalidade dos traballos realizados. No sector 1, que abrangue as parroquias de Xinzo, Arnoso, Areas, Ribadetea, Padróns, Fozara e Paredes xa se remataron de renovar o 99% das 2.276 luminarias existentes e máis de 5.500 metros de cable que non estaba en boas condicións. Están en proceso de cambio os proxectores ornamentais e pendentes de realizar os cambios nos cadros de mando e a retirada dalgúns postes en malas condicións.

 

Pola súa banda, o sector 2 (Fontenla, San Mateo, Celeiros, Guillade, Cumiar, Arcos, Bugarín, Pías, Prado, Santiago de Oliveira, San Lorenzo e unha zona de Canedo) xa se executaron o 98% das obras de renovación das 2.760 luminarias, ademais de 4.620 metros de cable. Agora nesta zona estase xa traballando nos cambios de postes e comezarase en breve coa modernización dos cadros.

 

O último sector rural, o terceiro, que abrangue ás parroquias de Guláns, Nogueira, Cristiñade, Moreira e Angoares, xa ten ao 65% o proceso de renovación das súas 1.428 luminarias e xa se cambiaron arredor de 7.000 metros de cable que se atopaba en moi malas condicións.

 

A edil, Chus Garrote, agradece “a paciencia que está a ter toda a veciñanza, porque sabemos que estes traballos nos que se cambian cadros de mando e cables en malas condicións en ocasións poden provocar certas molestias. En breve poderemos xa gozar dun rural co seu alumeado mudado ao 100%”. Dende a concellaría tamén se pide respecto coas novas instalacións e realizará seguimento en todas as zonas para asegurarse de que se atopan en condicións óptimas.

 

“Tras rematar esta importante posta a punto e renovar as luminarias existentes, dende o Concello estudaremos todos aqueles novos puntos solicitados para encaixar neste proceso aquelas melloras consideradas necesarias e que poidan ter cabida dentro da marxe económica deste proxecto de mellora”, sinala a concelleira.

 

Nesa aposta polo rural, o centro urbano foi o último punto no que se iniciaron as obras de renovación, polo que na actualidade atópase na primeira fase de substitución de equipos, con preto do 6% das súas 1.576 luminarias xa cambiadas, ao igual que o cable, mentres que se comezará coa modernización dos cadros de mando e dos postes en malas condicións en vindeiras datas.

 

Con estas obras o Concello substituirá un total de 7.560 luminarias e 155 cadros de mando, o que suporá un aforro de máis de 1.700 toneladas de CO2 emitidas á atmosfera, ademais de mellorar a seguridade cidadá para circular polas rúas en horas sen luz natural.