Os bombeiros de Ponteareas celebran a festa do seu patrón co alumnado de Asprodico

Os bombeiros celebraron a xornada de San Xoán de Deus cos escolares de Asprodico. Os xubilados do servizo foron obxecto dunha emotiva homenaxe.

Os Bombeiros de Ponteareas celebraron hoxe, día 8 de marzo, a festividade do seu patrón, San Xoán de Deus, e o fixeron cunha serie de actos que quixeron compartir, primeiro co alumnado do Centro Asprodico e, posteriormente, cos xubilados do servizo.

Os bombeiros, acompañados pola concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, dirixíronse en primeiro lugar ao Centro Asprodico de Ponteareas onde os alumnos e alumnas, nun acto cargado de emotividade, amosaron enchidos de orgullo, os traballos manuais que realizan nas actividades do centro así como a horta que eles mesmos cultivan.

Pola súa banda, os traballadores municipais explicábanlles de xeito ameno, todos os traballos que desenvolven, non só na extinción de incendios, senón en todo o que ten a ver con seguridade cidadá e a protección dos veciños e veciñas e os seus bens. Os rapaces e rapazas, que tiveron a oportunidade de subir aos vehículos dos bombeiros, recibiron unha gorra do servizo como agasallo. Os bombeiros quedaron moi sorprendidos polos traballos que realizan e moi agradecidos polas verbas que lles dedicaron todos eles así como o agasallo que recibiron cada un dos Bombeiros.

Tamen indicar que de volta ao parque os Bombeiros percorreron as rúas de Ponteareas coas sirenas accesas para compartir con todos os ponteareans este día de festa.

Posteriormente, traballadores e concelleira, celebraron a festividade da xornada acompañados polos bombeiros xubilados, que recibiron de mans de Vanesa Fernández e visiblemente emocionados, un agasallo “como recoñecemento aos seus anos de servizo e a o traballo realizado velando pola seguridade da veciñanza”, dixo a concelleira ponteareá.

Foron os propios bombeiros os que sorprenderían posteriormente á concelleira ao agasallala cun ramo de flores “no Día Internacional da Muller” e personalizando en Vanesa Fernández, a homenaxe a todas as mulleres.

A concelleira quixo salientar, nas súas palabras a importancia do traballo dos bombeiros, “complexo, arriscado e, con frecuencia, pouco recoñecido”. Vanesa Fernández subliñou que a veciñanza “tería que ser máis consciente da calidade humana e profesional dos bombeiros de Ponteareas” e non dubidou en asegurar que se o servizo funciona de xeito exemplar “é pola implicación e sacrificio de todos os traballadores que o compoñen”.