O pleno da Corporación Municipal de Ponteareas aproba o Orzamento de 2016 tras seis anos de prórrogas

As contas para o presente exercicio saíron adiante con 10 votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e A Riada do Tea, grupos que soportan o Goberno Local, a única abstención de EU-Son, e os 9 votos en contra do PP e ACIP

O pleno abriuse con palabras de agradecemento cara a xa ex edil de ACIP, Mª Xosé Aparicio, que presentou a súa renuncia o pasado 12 de maio no rexistro municipal por motivos laborais e que estivo ausente neste pleno ordinario de maio. Todos os grupos sen excepción desexáronlle éxitos na vida e no traballo.

Q55A5170

Amortización de prazas vacantes

O debate comezou ao chegar á proposta de amortización de prazas vacantes en execución do Plan de Axuste aprobado pola Corporación no 2013. A oposición de PP e ACIP acusou ao Goberno local “de non cambiar nada” neste primeiro ano de goberno de BNG, PSdeG e A Riada do Tea. “Estas medidas son consecuencia das súas políticas, non nos queda marxe”, replicou o primeiro edil. “Estamos obrigados a cumprir a redución do déficit, o Estado nos embarga a metade dos ingresos por adiantarnos os cartos para pagar unha débeda inmensa, débeda que vostedes contribuíron a facer.”, respondeu.

Q55A5058

“O idóneo é contar cunha nova relación de postos de traballos que corresponda coas necesidades da veciñanza, e non a política de contratación desastrosa de anteriores gobernos”, engadiu Represas. A amortización levará a aforrar entorno aos 133.000 euros en postos de traballo: 92.528 euros de catro funcionarios e 41.037 euros en personal laboral.

O punto da modificación das retribucións e requirimentos de acceso da praza de Técnico de Intervención e a amortización da praza de Oficial de 3ª de oficios varios deu que falar, ao que lle corresponderá un salario de 36.000 euros aproximadamente.  A oposición postulouse en contra da medida ao entender que xerará máis desigualdades salariais entre os traballadores do Concello. “O Concello precisa dun Técnico de Intervención de seu dado o intenso traballo nesa área que se debe facer no Concello. As traballadoras de Intervención están a suplir ese traballo con moito esforzo e é de agradecer, mais precisamos de alguén cualificado. Os Concellos da zona teñen salarios semellantes ao proposto nesta medida”, defendeu o alcalde.

Orzamentos 

Tras seis anos cos orzamentos prorrogados, o pleno da Corporación aprobou provisoriamente as contas municipais para 2016. As forzas políticas no Goberno aprobaron cos seus 10 votos a favor a proposta de presupostos. O edil de EU-Son, Lino Costas, abstívose para “non bloquear a súa aprobación porque coido que entre as contas prorrogadas e estas novas, aínda que non suficientes para nós, son un mellor punto de partida”. Os 9 votos en contra do PP e ACIP –coa ausencia da citada edil neste grupo- e adiantaron que presentarán alegacións ao documento.

Q55A5126

Os orzamentos aprobados contemplan 13,7 millones de ingresos e 12,9 millóns de gastos para este exercicio. Destinará a persoal 5,5 millones de euros; a gastos correntes en bens e servizos, 6,1 millóns de euros; e medio millón de euros a pagar condenas xudiciais de intereses de demora e debédas, así como outros gastos financeiros. Ademais, o Goberno insistiu no carácter social destas contas polo aumento de gasto nas partidas dedicadas ás axudas de emerxencia social, pasando de 60.000 a 90.000 euros, que chegará a máis familias con máis importe, así como as previsións de 30.000 euros para o servizo de comedor escolar e 20.000 euros para material escolar e libros. Asemade, inclúe unha partida de 50.000 euros para subvencionar a creación de postos de traballo e destina 40.000 euros ás actividades das casas culturais e outros 40.000 euros aos clubs deportivos.

Non se puideron discutir as dúas últimas propostas da orde do día e todas as mocións presentadas polos diversos grupos e xa que os grupos do PP e ACIP decidiron marchar, xa pasada a media noite.