O Goberno de Ponteareas propón cobrar unha taxa ás empresas eléctricas e de gas polo uso do dominio público

O Goberno local de Ponteareas estuda pór en marcha unha ordenanza reguladora para o cobro dunha taxa ás empresas polo uso do dominio público dos tendidos eléctricos e de canalizacións de gas. Para esta regulación é necesario valorar as taxas a aplicar polas liñas eléctricas de alta tensión e o gasoducto.

O alcalde, Xosé Represas, manifesta que o concello debe regular o cobro dunha taxa que grave a ocupación de dominio público da institución municipal, “hai sentenzas que amparan estas ordenanzas e a imposición de taxas ás empresas que utilicen bens de dominio público”.

A Lei Reguladora das Facendas Locais estabeleceu en 2004 que as empresas eléctricas, de gas, de auga e hidrocarburos están obrigadas a pagar unha taxa fixada por un informe técnico-económico por atravesar o dominio público local, aínda que non os subministren. “Neste momento xa hai sentenzas firmes do Tribunal Supremo que favorecen o cobro destas taxas”

Ponteareas é un dos concellos con maior extensión da provincia e pola súa configuración e situación xeográfica, soporta varias liñas de transporte enerxético. “Moitas destas infraestruturas, de titularidade privada, utilizan o dominio público de Ponteareas para o seu beneficio e non realizan ningunha aportación ao Concello por esta ocupacións”, remarcou o rexedor ponteareán.

Represas tamén se referiu as limitacións e restricións que soportan os terreos municipais pola ocupación das canalización soterradas ou polos tendidos aéreos para estas infraestruturas enerxéticas. Nalgúns casos esta situación provoca privilexios fronte a outras empresas que non ocupan dominio público local ou que xa o pagan.

O goberno local de Ponteareas entende que o lóxico é que o Concello sexa resarcido economicamente por esta ocupación. A ordenanza fiscal na que o concello está a traballar proporá fixar como impoñible desta taxa a utilización privada ou o aproveitamento especial do dominio público local no solo, subsolo ou voo, polas instalacións de transporte de enerxía cos seus elementos (torretas metálicas, transformadores, caixas, liñas de transporte de enerxía, etc..) como tamén as instalacións de transporte de gas ou outras instalacións que utilicen o dominio público.

Esta taxa sería cobrada ás empresas que utilicen o dominio público de Ponteareas en beneficio particular; empresas que distribúen e comercializan enerxía eléctrica, hidrocarburos, etc., así como todas as instalacións complementarias para prestar os seus servizos no concello de Ponteareas

O importe das taxas pola utilización privada do dominio público local, será fixado en base ao valor que podería acadar no mercado a utilidade derivada da utilización ou aproveitamento, no caso de que os bens afectados non fosen de dominio público.

Pola súa parte, o concelleiro de facenda, Francisco Alonso, explicou que neste momento, o concello de Ponteareas xa está a aplicar a ordenanza que regula o cobro ás empresas explotadoras pola ocupación do subsolo que no último ano, a aplicación desta taxa supuxo uns ingresos de 172.000 euros.