O Goberno local de Ponteareas incrementará as axudas de emerxencia social nun 22%

A partida subirá dos 90.000 euros actuais ata os 110.000 euros e modificarase a ordenanza das axudas para chegar a un maior número de familias

 O Goberno local de Ponteareas vén de anunciar a súa intención de incrementar a contía da partida destinada a Emerxencia Social nun 22%, o que permitirá que pase dos actuais 90.000 euros ata os 110.000 euros. Paralelamente, o Executivo que preside Xosé Represas, incrementará tamén os baremos utilizados nestas axudas “de cara a dar cobertura a un maior número de familias que, na actualidade, non poden acceder ás mesmas”, explica o alcalde ponteareán.

 

Os actuais baremos utilizan como referencia o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, IPREM, un indicador que o Goberno do Estado “ten aínda sen actualizar, cando tería que ser incrementado como aconteceu co Salario Mínimo Interprofesional”, explica o concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso.

 

“A conxelación do IPREM dende o ano 2010 ata o pasado 2016, provocou unha perda acumulada de 6,2 puntos o que incide negativamente nas políticas de protección social”, explica o concelleiro Manuel Troncoso, que ve “absolutamente necesaria” a aplicación na actualización do IPREM “dos criterios e variables que correspondan para evitar a desvalorización das prestacións básicas”.

 

O concelleiro ponteareán salienta que, a actualización do IPREM debe, por unha banda, “recuperar o poder adquisitivo perdido” e por outra “garantir o mantemento do seu valor ao longo do tempo”.

 

En todo caso, o Concello de Ponteareas non esperará a que o Goberno do Estado actualice ditos valores e, por iniciativa de Manuel Troncoso despois das pertinentes conversas e reunións coas profesionais de Servizos Sociais, “incrementará o límite dos baremos utilizados nun 6,5%, o que supoñerá que familias que ata agora quedaban fóra, poidan ser atendidas”.

 

Esta proposta, que será presentada no Consello Sectorial Social antes de ser levada a Pleno, non fai máis que reflectir “a sensibilidade que o Goberno local ten con todo o que teña que ver con emerxencia social e coa axuda ás familias que máis o precisan”, afirma o alcalde de Ponteareas.

 

Nese sentido, Xosé Represas, ten claro que o Goberno local non pode estar á espera de que “o Goberno do Estado faga os seus deberes” xa que, conclúe o rexedor municipal “as familias que precisan deste tipo de axudas, non están para esperas”.