O Goberno de Ponteareas convoca as subvencións para dinamizar as actividades nas casas culturais por 40.000 euros

O prazo oficial para presentar solicitudes será de 30 días naturais e comezará no momento da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, despois do acordo tomado na Xunta de Goberno

A partida orzamentaria da Concellería de Cultura está destinada á subvención de apoio aos centros e casas culturais do municipio coa finalidade de colaborar cos gastos de funcionamento e mantemento dos mencionados centros ou casas, así como fomentar, impulsar e apoiar as actividades  culturais e musicais a desenvolver dentro do seu ámbito de actuación. Con estas axudas o Goberno local fomenta a actividade cultural en todas as parroquias do municipio.

Os beneficiarios destas axudas poderán ser as asociacións sen ánimo de lucro e legalmente constituídas dos centros e casas culturais de Ponteareas.  Por cada centro ou casa cultural só se beneficiará unha asociación.

Os centros e casas culturais beneficiarios desta subvención contarán cunha partida económica inicial fixa e igual para todos, por importe de 300 euros, para gastos xerais como limpeza, enerxía eléctrica, ou calquera outro suministro, así coma unha partida económica variable en función da puntuación final acadada como resultado do baremo en función do número de socios, o orzamento de gastos en actividades culturais e da repercusión das mesmas na parroquia e no entorno, o orzamento total de gastos anuais do centro ou casa cultural.

As bases poden ser consultadas na páxina web www.ponteareas.gal ou no Departamento de Cultura do Concello de Ponteareas.