O goberno de Feijoó pechará a escola de San Mateo para non abrila nunca máis

sdr

Ante a negativa da Xunta de Galicia de reconsiderar a súa decisión de pechar a aula unitaria de San Mateo as nais e pais da escola apelan á solidariedade da veciñanza para ter tres matrículas máis que eviten o peche. 

San Mateo pide a toda a veciñanza que valoren matricular na súa unitaria aos pequenos e pequenas que comezan a súa escolarización e así evitar un peche para sempre porque así lles foi trasladado na reunión mantida hoxe co secretario Xeral técnico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. 

dav

Veciñanza, nais e pais afectados, FANPO e colectivos sociais concentráronse hoxe diante da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela acompañados do Alcalde, da Tenente de Alcalde e da Concelleira de Ensino, do portavoz de ACIP, do voceiro de EU e de cinco concelleiros do goberno, agás do Partido Popular que volveu faltar como xa o fixo na reunión mantida na propia escola de San Mateo. A concentración tamén foi apoiada polo deputado do BNG no Parlamento, Luis Bará. 

Ante a insistencia do Alcalde e da Concelleira de Esnino a última hora da mañá foron recibidos polo secretario Xeral de Ensino nunha longa e tensa reunión na que tanto o Alcalde como a Concelleira de Ensino, Crsistina Fernández e os representantes das nais e pais espuxeron distintas alternativas como que o alumnado quedara un ano máis para cursar 1º de primaria ou o compromiso de nais e pais que escolarizarán aos seus fillos e fillas no vindeiro curso escolar aumentando notablemente a matrícula . 

Ningunha explicación nin a propia experiencia relatada polos pais en canto as ventaxas das escolas unitarias foron suficientes para o secretario da Consellería do goberno de Feijoó que confirmou a decisión tomada e adiantou que o criterio da Xunta e que ningunha unitaria que se peche se volva reabrir aínda que se recupere o alumnado na parroquia. Tras os peches as unitarias desaparecerán e o alumnado de tres a cinco anos terá que ir aos CEIPs que contan con centos de alumnos, perdendo así o dereito a un ensino máis cercano e personalizado. 

“Isto confirma non só a decisión do peche da unitaria de San Mateo e supón unha ameaza para o resto das unitarias”, explica Cristina Fernández.

A concellería de Ensino de Ponteareas ten investido nos últimos anos na mellora das escolas unitarias e trasladou ás nais e pais o seu compromiso en seguir apoiando o ensino no rural incluso mellorando os servizos complementarios que os pais demanden para que os seus fillos e fillas vaian a estes centros.

Ponteareas lembroulle á Consellería a súa propia campaña “Ruralízate” en aposta polo rural e insistiulle na contradición na que caen gastando milleiros de euros en propaganda mentres por outro lado pechan servizos tan básicos como o ensino que dificultan a vida das familias nas parroquias. 

Tampouco lle valeu o argumento de manter as matrículas co alumando de 1º de primaria igual que en Ribadavia xa que hai profesorado no Centro Rural Agrupado que ten Educación Primaria, un feito que o técnico calificou de “anomalía educativa”.

As nais e pais entregaron no rexistro xeral 68 folios de recollidas de sinaturas cun total de 1.167 apoios de San Mateo e doutras parroquias. 

sdr