O goberno reclama que se cubran as prazas de médicos no centro de saúde de Ponteareas

dav

A concellería de Sanidade, que dirixe Vanesa Fernández, visitou o centro de saúde de Ponteareas para comprobar, unha vez máis, a necesidade de ampliar o cadro de persoal e de dotar de equipamentos de refrixeración este centro. A concelleira esixe á Xunta de Galicia que contrate médicos que substitúan as baixas e vacacións estivais. 

No centro de saúde de Ponteareas prestan os seus servizos oito médicos de mediciña Xeral e dous pediatras en horario de mañá e cinco médicos e un pediatra en horario de tarde. Se durante o ano os usuarios e usuarias xa veñen salientando a necesidade de incrementar o número de médicos para evitar listas de espera, na tempada estival o problema empeora e a día de hoxe atenden tan só seis médicos e un pediatra no turno de mañá e no de tarde tres. 

A concelleira vaise aos feitos e concreta “se collemos a axenda dun dos médicos que atende hoxe no turno da tarde atopamos ata 64 pacientes que serán atendidos entre as tres da tarde a as sete e media”. Ante a falla de contratación de médicos e pediatras que substitúan as baixas e períodos vacacionais, os profesionais existentes repártense os pacientes ou dobran turnos, afirma Vanesa Fernández.

Para a concelleira de Sanidade existe unha deixadez por parte do SERGAS e da Xunta de Galicia que non cubre as necesidades máis básicas e fai que os profesionais existentes teñan as consultas desbordadas, exceso de traballo e listas de espera. 

A ratio de médico por habitantes supera os índices aconsellados e en Ponteareas sitúase un médico por cada 1500 habitantes. 

Ás consultas diarias hai que lles sumar os desprazamentos a domicilios e as urxencias e imprevistos diarios. 

Outra das preocupacións da concelleira é a falla de persoal especializado en pediatría cubrindo as xubilacións médicos de mediciña Xeral especializados en puericultura que non son exactamente pediatras. “A falla de previsión da Xunta de Galicia dende hai anos atrás provoca que agora non existan profesionais de determinadas especialidades”.

Outra das necesidades urxentes do centro de saúde é o aire acondicionado do que carecen paliando a calor con ventiladores e chegando a acadar ata 38 graos nos días de calor. 

Vanesa Fernández recórdalle á Xunta de Galicia que o dereito á proteción da saúde ven recollida na nosa Constitución e “que é a Xunta  a que ten o deber de adoptar as medidas oportunas que garatan os dereitos da cidadanía”.

Fernández agradece ao persoal sanitario a súa profesionalidade sen a que a sanidade pública non funcionaría. “As políticas do PP danaron de morte a nosa sanidade pero mentres haia profesionais e persoas polas que loitar non nos cansaremos de alzar a voz”.

Xa por último adianta que “para outro capítulo quedan as necesidades do PAC, cun persoal que reclama melloras históricas polas que seguiremos loitando e que apoiamos cada unha das súas reivindicacións instando ao Sr. Almuíña a que actúe en consecuencia co que dí, que so con diálogo os problemas non se solucionan, é preciso tomar decisións e materializar as palabras e promesas, en definitiva, xestionar que é para o que está aí”.