O goberno considera o botellón un “problema complexo” e crea unha comisión interdisciplinar para dar solucións

dav

Trátase dun problema de saúde pública, de convivencia e de educación que require un amplo abano de medidas a curto, medio e longo prazo” sinalan Mera e Bouzó

O goberno municipal constituíu unha comisión de estudo e de traballo sobre o fenómeno do botellón en Ponteareas, presidida polo Alcalde e formada polas concellerías con competencias na materia, Bo Goberno como área encargada de convivencia cidadá, Mocidade, Igualdade e Educación e Saúde.

Na primeira reunión da comisión, analizouse un informe provisional elaborado pola área de Bo Goberno que dirixe Roberto Mera, no que se analiza o botellón en Ponteareas, as súas dimensións, as problemáticas que xenera e as causas do fenómeno e factores que inciden nel. Tamén se estableceu a metodoloxía de traballo da comisión para obter conclusións e contar cun plan de actuacións no prazo aproximado de dous meses.

Mera, xunto co edil de Mocidade, Miguel Bouzó, e a de Deportes, Nahir Covelo, acompañaron na madrugada do pasado sábado a un grupo de veciños afectados polo botellón e os ruidos nocturnos no entorno da Feira Vella para coñecer in situ a problemática.

O edil de Mocidade, Miguel Bouzó, sinalou que “non se pode criminalizar á mocidade no seu conxunto” e salientou que os comportamentos incívicos son minoritarios entre a mocidade. “Duns 3.400 habitantes entre 15 e 30 anos que residen en Ponteareas, só varios centos toman parte no botellón, menos dun 10%, e a maioría dos que participan nel non teñen condutas incívicas. Estamos diante de comportamentos moi minoritarios pero que causan problemas a moita xente”.

Roberto Mera sinalou que “o problema é complexo e para arranxalo teremos que poñer en marcha medidas educativas e de concienciación, dar outras alternativas de ocio e, en determinadas situacións, adoptar medidas punitivas”. O edil explicou que “non hai percepción de risco para a saúde no consumo desmedido de alcohol e hai pais e nais de menores que descoñecen o problema e outros que se desentenden. E respecto ao incivismo existe unha falta de empatía cara a xente que quere descansar e unha sensación de impunidade e ausencia de reproche social, legal e familiar desas condutas”. Segundo Mera “detrás do incivismo, do consumo esaxerado de alcohol, do vandalismo ou da condución temeraria hai un problema educacional. Non podemos simplemente preocuparnos de que se ensuxen os portais con vómitos, tamén debe preocuparnos que rapaces e rapazas de 16 anos anden vomitando por inxesta de alcohol”.

A comisión porá en marcha de inmediato un calendario de encontros e reunións con profesionais do centro de saúde, dos centros de ensino, da Policía Local, dos servizos sociais e de igualdade do Concello, coa mocidade que participa no botellón así como cos afectados por este. Ademais analizaranse as solucións dadas noutras cidades e concellos a esta problemática e o seu resultado. Mentres a comisión realiza o seu traballo, adoptaranse algunhas medidas inmediatas e provisionais para atenuar os efectos negativos do botellón en materia de convivencia como a intervención de voluntariado xuvenil dentro do propio botellón para labores de concienciación cívica e o apoio da Policía Local para os casos minoritarios pero graves de incivismo.