Gusto pola poesía en Ponteareas

A concellería de Cultura e Lingua, que dirixe Fernando Groba, en colaboración coa asociación Versos de Area, engalana as rúas do centro da vila con versos dos nosos poetas e poetisas que todos poderemos gozar mentres agardamos nos pasos de peóns.

Versos de Area nace a partir do curso de escrita creativa que se impartíu na biblioteca municipal por iniciativa da concellería dende finais do ano 2016, impartido polo dramaturgo e profesor Roi Vidal Ponte. Algúns destes alumnos e alumnas amosaron a súa debilidade pola poesía dando lugar a este grupo de poetisas e poetas que traballarán na difusión da obra de creadoras e creadores de Ponteareas e de toda Galicia que non teñen acceso ás grandes canles de difusión.

Nestes días, algúns pasos de peóns xa nos agardan con versos elexidos de xeito voluntario por este inquedo grupo que tamén velará pola difusión doutros xéneros literarios. Ao longo de todo o mes Ponteareas irá amencendo con novas mensaxes poéticas en diferentes pasos de peóns que Fernando Groba e Versos de Area convidan a ler con repouso dende a beirarrúa e sempre prestando atención á seguridade no momento en que decidan cruzar.

O vindeiro xoves día 8 no JJ Copas terá lugar a presentación do grupo Versos de Area que recitará poemas creados por eles e elas pero tamén convidarán a que todos e todas as presentes lean aqueles versos que máis lles gusten dos seus poetas e poetisas preferidos. Neste acto tamén difundirán a figura do ponteareán Xoán García de Guillade e a de outros creadores e creadoras ponteareás. Versos de Area é un grupo aberto ao que calquera veciño ou veciña que desfrute da arte literaria pode unirse.

O concello de Ponteareas, a través da concellería de Cultura, presentou na última edición da feira do libro celebrada na Praza Maior, o libro Obescrebimupo que recolle as creacións do alumnado deste curso de escrita creativa e que se pode atopar na biblioteca pública municipal.

Nesta iniciativa tamén participou a concellería de Vías e Obras que dirixe Chus Garrote, encargándose o persoal deste departamento de pintar en xornadas nocturnas os versos cos que endozar o duro asfalto.