O espectáculo circense abre a programación de nadal en Ponteareas

O gran espectáculo “O Mundo do circo” inaugura a programación cultural e festiva de nadal para dar paso nos vindeiros días ao acendido progresivo das luces que encherán de cor 27 rúas do centro urbano, cinco rotondas, 42 árbores e oito edificios municipais. Un total de 202 elementos lumínicos que se completarán con atrezzo de rúa. 

A partir das 17:30 horas Troula Animación partirá do concello co seu séquito circense que contaxiará sorrisos co seu pasarrúas polo centro urbano. A música, a festa e o bo humor percorrerán o centro urbano e toda a veciñanza seguirá os pasos do zancudo xigante, do zancudo saltarín,  dos paiasos en patíns, dos paiasos en mini bici, do monociclo alto, dos dous malabaristas e das diferentes personaxes de animación. 

Co obxectivo de dinamizar as rúas, de interactuar coa xente e de facelos partícipes da festa, o circo suporá o pistoletazo de saída do nadal.

As concelleiras de Comercio e Cultura que dirixen Inés Vidal e Hortensia Bautista respectivamente convidan a toda a cidadania a non perderse ningunha das actividades programadas para todas as idades.

O cambio de datas do acendido total de nadal débese a que o primeiro concurso convocado quedou deserto obrigando a realizar un novo contrato que fará posible que Ponteareas teña, nos vindeiros días as rúas  e prazas iluminadas.