Obradoiro de biodanza este martes ás 18 horas

A concellería de Benestar Social, Mocidade e Igualdade que dirixe Verónica Carrera informa da celebración do obradoiro de biodanza “Crer para crear: enraizar a autoestima, nutrir os nosos desexos” que terá lugar o vindeiro martes día 11 de decembro de 18 a 20 horas no salón de plenos da Casa do Concello. 

Dinamizado pola psicóloga e facilitadora autorizada de Biodanza SRT, Mari Fidalgo, este obradoiro é un convite a enraizar a nosa valía e conectar coa determinación e a coraxe para materializar os nosos desexos. A través da música e do movemento nun espazo partillado entre mulleres, fomentarase a vitalidade e a creatividade.

A biodanza é unha ferramenta para a promoción da saúde e o desenvolvemento integral das nosas potencialidades; favorece a expresión de emocións, alivia o estrés, regula as funcións orgánicas, reforza a autoestima e mellora a comunicación connosco e coas demais persoas. 

A concelleira explica que non é necesario saber bailar e é apto para todas as persoas adultas e condicións físicas. Só se precisa levar roupa cómoda, calcetíns grosos e antideslizantes e un coxín pequeno e moitas ganas de desfrutar dun espazo de expresión e nutrición. 

Máis información e inscricións no Centro de Información á Muller (CIM) ubicado no centro social da rúa Oriente, teléfono 647 664 297, axenteigualdade@ponteareas.gal