O Concello abre o prazo para solicitar as subvencións de apoio á Cultura destinadas aos centros e casas culturais do municipio

c.c.san mateo (2)O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar o día 31 de marzo as Bases de subvencións de apoia á cultura, destinadas aos centros e casas culturais do Concello de Ponteareas, abríndose o prazo para solicitar estas axudas.

O obxecto destas subvencións é colaborar cos gastos de funcionamento e mantemento dos mencionados centros ou casas, así como fomentar, impulsar e apoiar as actividades culturais e musicais que estes desenvolven dentro do seu ámbito de actuación. Poderán solicitar estas axudas as asociacións sen ánimo de lucro e legalmente constituídas dos centros e casas culturais do municipio de Ponteareas.

Os centros e casas culturais beneficiarios desta subvención contarán cunha partida económica inicial fixa, e igual para todos, por importe de 300 euros para gastos xerais como limpeza, enerxía eléctrica, ou calquera outro gasto ou subministración, e cunha partida económica variable en función da puntuación final acadada como resultado da suma de determinados parámetros, como poden ser o número de socios ou o gasto en actividades culturais que desenvolven, entre outros.

As solicitudes formalizaranse no modelo normalizado que se facilitará no Departamento de Cultura do Ilmo. Concello de Ponteareas, ou na páxina web do concello www.ponteareas.es, xunto coa documentación necesaria, e presentarase no Rexistro de Entrada do Concello de Ponteareas, desde o día 1 ata o 15 de abril.