O Concello mellorará a rede municipal de estradas en Carrascás e Outeiro do Foxo-A Cima

Investiranse arredor de 61.000 euros nestas actuacións, que buscan “ofrecer á veciñanza o mellor servizo nestas zonas”, salienta a edil de Vías e Obras, Chus Garrote

 

O Concello de Ponteareas continúa coa súa aposta pola mellora da rede municipal de estradas e vieiros con dúas novas obras de pavimentación nos lugares de Carrascás e Outeiro do Foxo-A Cima, xa en licitación por un orzamento total de 61.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. Con estes traballos a Concellaría de Vías e Obras busca “ofrecer á veciñanza o mellor servizo posible mantendo en perfecto estado as estradas municipais e pistas asfaltadas e pavimentando completamente as pistas que non se atopen en boas condicións. Esta é unha tarefa moi complexa polos 400 km de estradas municipais coas que contamos”, salienta a edil, Chus Garrote.

 

Unha das novas obras que levará a cabo a concellaría será a mellora do camiño municipal que discorre entre O Outeiro dos Foxos e A Cima, na parroquia de Guláns. Na actualidade o camiño conta cunha capa de rodadura en deficiente estado, polo que se renovará a pavimentación dos 518 metros deste vieiro cunha anchura media de 4,5 m. Para mellorar o servizo ofrecido por esta infraestrutura aos seus usuarios e usuarias, limparanse as marxes, abriranse cunetas e levaranse a cabo os traballos de pavimentación dunha superficie total de 2.450 metros cadrados. A obra, que estará lista nun mes, conta cun orzamento inicial de case 27.300 euros.

 

Por outra banda, na parroquia de Prado mellorarase a pavimentación en Carrascás dun vieiro de 509 metros dividido en tres tramos. O primeiro tramo será o que parte da estrada autonómica PO-254, no que ademais de pavimentar os 170 metros cos que conta o vieiro farase un recrecido no seu entronque coa estrada autonómica “para salvar unha pendente moi elevada que fai complicado o enlace entre ambas vías, suavizando así na medida do posible a rampla de acceso á intersección”. Este camiño bifúrcase en dous vieiros, un segundo tramo a man dereita e case 186 m e outro ao lado esquerdo de 154 m. Ademais da pavimentación completa dos tres tramos e recrecido das tapas de rexistro, ao final do segundo tramo, sen pavimentar na actualidade, mellorarase a capa de rodadura, crearase unha base e procederase ao estendido e compactado dunha capa de saburra artificial de 20 cm de espesor. O Concello sacou a licitación por 33.678€ estes traballos de mellora, que durarán un mes.