A Banda Xuvenil de Xinzo presentará o seu repertorio musical o vindeiro mércores ás 21.00 horas

O concerto será no parque da Feira Vella e a entrada é gratuíta ata completa aforo

 

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo pon a punto os seus instrumentos para presentar todo o seu amplo repertorio musical no parque da Feira Vella o vindeiro mércores ás 21.00 horas. A entrada para asistir ao concerto desta agrupación histórica de Ponteareas será de balde ata completar aforo. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima á veciñanza a asistir a este espectáculo que “mostra o gran talento musical dos mozos e mozas da nosa vila”.

 

A Banda cumpriu este ano 42 anos de historia. Iniciou o seu camiño no 1979, cando un grupo de rapaces e rapazas iniciábanse na música da man do mestre D. José Guillén Lorenzo (Músico Profesional da Banda Militar do Cuartel de Barreiro en Vigo). O 28 de xuño de 1981, fixo a súa presentación oficial en Xinzo, cun concerto, e dende aquela centos de pesoas tocaron e aprenderon música na Banda. Ademais tamén contan cunha escola de música propia na que se imparten todas as disciplinas instrumentais.