O CDL de Ponteareas organizará cursos básicos de manipulador de produtos fitosanitarios

Está dirixido a persoas censadas en Ponteareas e as solicitudes poderán ser presentadas até o 1 de marzo, inclusive

PONTEAREAS (Pontevedra)   12,30 h.-     O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, visitará a aula CeMIT do Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas (Lomba do Cruceiro,5 Ribadetea). Intervención aberta aos medios. foto xoán crespo 10/05/11

O Concello de Ponteareas, a través da concellería de Medio Ambiente, xestionada polo alcalde Xosé Represas, e da concellería de Medio Rural, dirixida por Manuel Troncoso, organiza varios cursos básicos de manipulador de produtos fitosanitarios. O lugar no que se impartirán será o Centro de Desenvolvemento Local (CDL), situado en Lomba do Cruceiro, número 5, Ribadetea; polo que a veciñanza interesada non terá que desprazarse fóra do concello.

Os cursos celebraranse os días 29, 30 e 31 de marzo e os días 1, 2, 9, 16, 23, e 30 de abril, en sesión matinal. O horario exacto concretarase nos vindeiros días. O Concello de Ponteareas subvencionará o curso a todas aquelas persoas que sexan na actualidade desempregadas ou pensionistas, para os que o prezo final do mesmo será de 45 euros. Para as demais o prezo do curso será de 65 euros, taxas incluídas.

Todas aquelas persoas interesadas poden inscribirse no Rexistro Xeral do Concello, con copia do DNI, até o vindeiro 1 de marzo, inclusive. Para máis información é posible acudir ás instalacións do CDL.