A concellería de Deportes informa das axudas da Deputación a clubs deportivos que compitan en ámbito estatal

As solicitudes poderán ser presentadas até o vindeiro 12 de marzo, inclusive

escolas-deportivas-deputacionA concellería de Deportes, dirixida por Benito Márquez, informa das axudas convocadas pola Deputación de Pontevedra para todos aqueles clubs da provincia que participen en competicións federadas de ámbito estatal.

Os gastos subvencionables serán unicamente os de carácter corrente e os de adquisición de materiais funxibles xerados pola realización de actividades deportivas. Poderán optar a estas subvencións as entidades e clubs deportivos federados que cumpran os seguintes requisitos: carecer de fins de lucro (este feito acreditarase cunha declaración responsable do solicitante); estar ao corrente coas obrigas tributarias da Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda galega, coa Seguridade Social e coa Deputación; practicar unha modalidade deportiva que teña implantación na provincia de Pontevedra; e estar inscritos no rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Toda a documentación necesaria para presentar as solicitudes pode ser consultada nas bases publicadas polo organismo provincial na súa web oficial: www.depo.es. As solicitudes poderán ser presentadas na Oficina de Xestión Tributaria e Catastral (ORAL), situada ao carón da Casa do Concello, no Rexistro Xeral da Deputación en Pontevedra ou na sede da mesma en Vigo, até o vindeiro 12 de marzo, inclusive.

En calquera caso, todas as entidades interesadas poden consultar as súas dúbidas no departamento municipal de Deportes, situada no segundo andar da Casa do Concello.