O CDL de Ponteareas acolle un curso federativo de monitor de fútbol base

O diploma acreditará aos participantes para adestrar equipos federados ata a categoría que indique o regulamento xeral da Federación Galega de Fútbol

O Centro de Desenvolvemento Local (CDL) do concello de Ponteareas acolle dende o curso federativo de monitor de fútbol base. Ao acto de presentación asistiron o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, o Concelleiro de Deportes, Benito Márquez, o Director da Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol, Manuel Mosquera, o Vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falqué, e o Coordinador de Baixo Miño da Real Federación Galega de Fútbol, José Luis Mosquera.
Máis de cincuenta alumnos participarán neste curso que organiza a Federación Galega de Fútbol coa autorización da RFEF, a través da Escuela Nacional de Entrenadores e en colaboración co concello de Ponteareas.
O obxectivo deste curso é completar a formación de monitor de fútbol base, mediante as ensinanzas conducentes á obtención do Diploma Federativo. Ten por finalidade proporcionar aos alumnos a adquisición dos coñecementos necesarios que lle permitan desenvolver a súa labor, mediante competencia técnica e profesional nas competicións organizadas pola Federación Galega, con profesionais que actuaron no ámbito do fútbol, empregando os medios materiais e humanos dos que dispón a Federación Galega de Fútbol.
Este diploma acredita para adestrar equipos federados ata a categoría que indique o regulamento xeral da Federacion Galega de Fútbol.
José Luis Mosquera explicou que “os alumnos chegan aos cursos de adestrador cunhas prácticas que case sempre desmontamos porque nos gusta insistir no aspecto pedagóxico e ensinalos a que sexan conscientes de que os cativos/as pasan por etapas e é fundamental detectar en que etapa están para axeitar o xeito de ensinar ao momento polo que pasan.Os pequenos precisan contacto co balón e requiren un traballo individual para logo poder xogar en equipo. Nestes cursos ensinámoslle aos futuros adestradores a que observen aos seus alumnos/as, dámoslle ferramentas para traballar a nivel biomecánico, para que corrixan a pisada, o movemento dos brazos e a optimicen as capacidades que cada neno/a ten”.
Ao remate, os participantes obterán un diploma federativo de “Monitor de Fútbol Base”, especialidade: Fútbol, avalado pola Escuela Nacional de Entrenadores da RFEF, que a súa vez permite a convalidación do Bloque de Prácticas a realizar cando efectúen o curso federativo adestrador básico de fútbol.
O Concelleiro de Deportes, Benito Márquez, congratulouse “da gran participación que acadou o curso de adestradores, que en principio contaba con 35 prazas, pero que houbo que ampliar ata as 55 por mor da alta demanda”.  
O edil tamén sinalou a importancia destes cursos “xa que son moi importantes, posto que non tratan exclusivamente de ensinar coñecementos específicos de fútbol aos rapaces, senón que tamén fan fincapé en cómo transmitir valores, en cómo saber tratar aos rapaces e rapazas, que teñen os seus propios problemas, as súas propias personalidades, e cos que hai que saber lidiar como adestrador, xa que ao fin e ao cabo, non deixan de ser un referente para eles”.

Por último, o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, na propia presentación, insistíu “á Federación de Fútbol aquí presente a que leve a cabo cursos de adestradores de nivel superior en Ponteareas. Foron varios rapaces e rapazas, algúns deles neste curso, os que me sinalaron a necesidade de facer tamén cursos federativos de adestrador básico de Fútbol UEFA B na nosa vila. E é por iso que quero trasladar esta petición aos membros da Federación aquí presentes, xa que como poden comprobar pola asistencia a este curso de monitor de fútbol base en Ponteareas, os deportistas da nosa vila demandan cada vez máis e máis formación”.