Ponteareas modifica o seu Orzamento para cumprir unha sentenza xudicial

A modificación de 341.748,70 euros inclúe tamén o pago dunha débeda de 2010 pola construción da ETAP (planta potabilizadora)
O PP negouse a apoiar o pago débedas dos seus anos de mandato
O concello de Ponteareas ven de aprobar, a proposta do Goberno, unha modificación do Orzamento, por un importe total de 341.748,70, para cumprir unha sentenza xudicial pola falta de pagamento á empresa Construcciones Crespo e para o pago do importe pendente con Augas de Galicia pola construción en 2010 da planta potabilizadora da rede municipal de auga.
A débeda con Construcciones Crespo, que neste momento está en concurso de acredores, ─explica o concelleiro de Facenda, Francisco Alonso─ “prodúcese cando dita empresa foi contratada no ano 2006 polo Goberno do PP para a realización dunhas obras de melloras viaria”. Os traballos estaban financiados polo Ministerio de Fomento “pero, o Goberno do PP, naquel momento, non utilizou eses fondos para pagar á empresa construtora, como era a súa obriga”. Deste xeito, aclara Alonso, “o Goberno popular incumpría claramente o convenio co Ministerio de Fomento e o contrato coa empresa adxudicataria que se viu obrigada á vía xudicial”.
Agora, o Goberno actual, mírase na obriga de ter que facer fronte a dito pago asumindo ademais elevados intereses de demora. O máis grave, subliña o responsable de Facenda, “é que sobre esta débeda xa existía unha primeira resolución xudicial e un acordo de pago do ano 2008, acordo que, seguindo a súa habitual táctica, tamén foi incumprido polo Goberno de Salvador González e Belén Villar”.
A débeda con Augas de Galicia é, ao entender de Francisco Alonso, “outro caso claro dos incumprimentos financeiros do Goberno de González Solla”. O seu orixe data do ano 2010 cando se remata a construción da ETAP (planta potabilizadora). Daquela, o Goberno local asumira o compromiso de pagar o 20% da planta, “compromiso que tamén foi incumprido” afirma Francisco Alonso e engade que “con cargo a 2016, o actual Goberno de coalición nacionalista e progresista, xa se fixo cargo de pago do 10% máis os xuros e agora, o que aprobou o Pleno, foi o pago do importe restante, 138.114,25, importe ao que tamén hai que sumarlle os intereses dende 2010 desta débeda” remata o responsable de Facenda.
A liquidación do 2016 cumpre coa estabilidade orzamentaria e a regra de gasto
O concelleiro de Facenda aproveitou tamén para saír ao paso “dun novo alarde de alarmismo do Partido Popular sobre as contas do 2016” que, segundo Alonso, “cumpren escrupulosamente coa estabilidade orzamentaria e a regra de gasto”.
Francisco Alonso, que asegurou que “hai que ser moi torpe para afirmar que no 2016 gastáronse 3,4 millóns de euros máis do permitido”, matizou que ditas afirmacións as fan aqueles mesmos “que levaron a este Concello ao desastre económico e que forzou a intervención do Ministerio de Facenda”.
O edil aconsellou ao PP que, para que as súas acusacións “sexan convincentes”, explique antes que nada á veciñanza “como fixo para que o Remanente Negativo de Tesourería pasade dos 4,1 millóns de euros no 2005 aos 14 millóns do 2010 o que supón un incremento anual de 2 millóns de euros”. A eses datos, matiza Francisco Alonso, “habería que sumarlle 4 millóns de euros que, a interventora naquel momento, estimaba que era a suma das facturas acumuladas nos ‘caixóns”.
Lamenta Alonso que “pretendan dar leccións de capacidade xestora aqueles que foron os artífices de que no 2012, cunhas débedas acumuladas de máis de 18 millóns de euros, o Concello de Ponteareas tivera que ser intervido polo Estado ao ser incapaz de facer un Plan de Saneamento minimamente crible”.