O Alcalde de Ponteareas abre o camiño para a declaración BIC das alfombras florais do Corpus Chirsti

O Alcalde de Ponteareas, reuníuse coa Directora Xeral de Patrimonio, Maria del Carmen Martínez, en Santiago de Compostela para comezar a traballar na solicitude de declaración das alfombras do Corpus Christi de Ponteareas como Ben de Interese Cultural (BIC) Inmaterial.
Os bens de interese cultural son aqueles bens mobles, inmobles e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia, declarados por decreto do Consello da Xunta de Galicia. Tras a súa declaración ou recoñecemento, inscríbense no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, onde se recollen, entre outros, os datos relativos á súa identificación e localización, así como outros de interese para a súa protección.
Con máis de 160 anos de historia, a iniciativa do goberno de Ponteareas foi moi ben acollida por parte da Directora Xeral de Patrimonio que amosou o seu apoio ao Alcalde e convidouno a avanzar na petición.
Pola súa longa tradición, polo facer artesanal, por ser unha arte sustentable, por tela capacidade de congregar, ano tras ano, a milleiros de visitantes pero, sobre todo, pola unión das súas xentes e a constancia no seu traballo, a arte alfombrista reúne practicamente tódolos requisitos para ser declarada BIC Inmaterial.
“Pero se hai algo capaz de convencer a calquera xurado ou tribunal é o sentir dunha vila que atrapa aos turistas que repiten unha e outra vez. Ese sentimento que os leva a traballar durante boa parte do ano nos deseños, na recollida de material, na seleción e conservación das follas e flores para rematar co esforzo gratificante da confeción da alfombra floral… son argumentos moi fortes que fan que teñamos a posibilidade de estar entre o patrimonio máis destacado de Galicia”, explica o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.
As alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas reúnen boa parte das condicións do artigo 9.3 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia ao ser unha arte artesá, colectiva, con longa tradición e coa capacidade de terse transmitido ao longo de moitas xeracións formando parte da identidade cultural dun pobo.
Con esta primeira reunión o goberno de Ponteareas abre camiño cara un novo recoñecemento que dea valor e proteción a un dos estandartes da vila do Corpus.