Nace o Club Deportivo do Barral

Este martes 13 de febreiro o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, a 1ª Tenente de Alcalde, Chus Garrote, o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, e outros membros do goberno ponteareán recibiron no salón de plenos do Concello á directiva do Club Deportivo do Barral.

Esta entidade deportiva xurdiu en decembro de 2018 para fomentar a difusión do deporte nas escolas entre os adolescentes para mellorar a cohesión social e contribuir aos obxectivos de integración social e loita contra a discriminación. “O noso Club nace movido pola paixón duns cantos polo deporte escolar, coñecedores dos grandes beneficios que achega a práctica do Deporte aos adolescentes, aumentando a capacidade de concentración e de memoria daqueles que o practican”, indicou María del Carmen Muñoz Gil, presidenta da nova entidade deportiva.

Entre as actividades das que van impartir clases atópase o billar, o xadrez, o baile moderno, baloncesto, artes marciais e petanca, clases que se impartirán no IES do Barral.

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, quixo felicitar á nova directiva polo sua iniciativa. “É gratificante ver o dinamismo no eido do deporte que existe na nosa vila, vendo como cada vez xurden máis entidades deportivas enfocadas aos deportes minorizados, como pode ser a petanca. Animámolos nesta nova andadura e apoiaremolos en todo o que necesiten”.