Mocidade e concelleira de Medio Ambiente reúnense para deseñar os primeiros compromisos co planeta

dav

A mocidade de Ponteareas sumouse á manifestación do clima e fixo súas as escaleiras da casa do concello para chamar a atención da cidadanía e dicirlles que “non hai un planeta B” e que temos o deber de coidar o único que temos.

A media mañá alumnado de todos os centros educativos de secundaria achegouse ao concello para concentrarse e reunirse coa concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, que os convidou a sentarse no salón de plenos e estudar os primeiros compromisos que mocidade e concello van adquirir para protexer o planeta.

Xuntos deseñaron diferentes accións como unha charla e unha mesa redonda aberta a todos os centros educativos na que poidan recibir formación e tamén aportar as súas ideas para desenvolver en Ponteareas.

Tamén acordaron realizar unha visita ao punto limpo xa que a xestión dos residuos é un das principais preocupacións da cidadanía.

Ademais, reunidos no salón de plenos planificaron unha xornada de convivencia nun espazo natural no que compartir inquedanzas. A concelleira analizou con eles e elas as accións diarias e cotidiás que todos e todas facemos e que podemos mellorar para protexer os nosos recursos naturais (pechar a billa da auga, non ter a porta da neveira aberta, non ter enchufes consumindo, non tirar lixo, camiñar en vez de ir no coche ou plantar árbores autóctonas…)

Alumnado e concelleira iniciaron neste encontro unha rede de comunicación directa na que poidan fluir ideas e pasar a acción.

Rosa Covelo felicitou ao alumnado pola súa atitude responsable e comprometida.

Na liña da nosa estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” a concelleira de Medio Ambiente promoverá a participación e as accións de concienciación para crear unha cidade máis sostible e comprometida.

O Alcalde Xosé Represas e concelleiros/as do goberno apoiaron o minuto de silencio polo clima.