Éxito de asistencia nas finais da sexta edición do Open Vila do Corpus

Carlos Becke acadou o triunfo na categoría absoluta masculina despois de derrotar a Roberto Rodríguez nunha final de época

Marta Rozadas foi a gañadora na categoría absoluta feminina tras conseguir a vitoria ante Laura Álvarez

open-vila-corpus-web-1Máis público que nunca para presenciar as finais dunha das edicións máis emocionantes do Open Vila do Corpus de cantas se levan celebrado, que coa deste ano xa se contan por seis.

Carlos Becke, tenista hispano-alemán e número cinco do ránking galego, gañou por primeira vez en partido oficial a Roberto Rodríguez, primeiro cabeza de serie do torneo e actual número un da clasificación individual en Galicia. O encontro, que rematou cun marcador de 7-5, 4-6 e 10-8 favorable a Becke, fixo as ledicias dos presentes nun dos partidos máis espectaculares que se lembran no campionato.

Na categoría absoluta feminina, Marta Rozadas foi quen de se impoñer a Laura Álvarez nun xogo cheo de alternancias e no que o marcador final foi 6-0, 0-6 e 10-8. En categoría cadete Miguel Cartón derrotou a Diego Domínguez (6-2, 4-6, 10-6) e na condición de veteranos Jorge Comesaña venceu a Manuel Vázquez por 6-1 e 6-2.

A entrega de trofeos contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Benito Márquez, e do alcalde ponteareán, Xosé Represas. Tanto o presidente do Club Tenis Ponteareas, como o seu secretario, Juan Carlos Fernández, fixeron unha valoración moi positiva destas dúas semanas de competición.