A entidade ponteareá acadou un total de 12 medallas en diferentes modalidades e conqueriu tres mínimas para o vindeiro campionato de España
O concello lucense de Cervo foi o lugar escollido pola Federación para a disputa, a pasada fin de semana, dos campionatos galegos de natación en categoría alevín. Foi tamén testetmuña do bo momento de saúde polo que atravesa o Club Natación Ponteareas, que contou con 13 nadadores na competición.
Carla Faro conseguiu a medalla de ouro nos 100 metros bolboreta, a de prata nos 200 estilos e o metal de bronce nos 200 braza. Este último tamén lle valeu para acadar unha marca mínima que lle permitirá estar no campionato de España dentro de dúas semanas.
Alí tamén estarán Javier Alonso e Andrea Domínguez. O primeiro grazas a unha mínima nacional conseguida nos 1500 libres que, asemade, lle serviu para gañar unha medalla de bronce. A segunda participará en tres modalidades diferentes no campionato de España: 800 metros libres, 400 metros libres e 200 metros bolboreta. Domínguez tamén voltou cunha prata e un bronce galegos no peto, conseguidos nas categorías de 200 metros bolboreta e 400 metros estilos, respectivamente.
Laura Piñeiro, Marcos Martínez e Miriam Represas tamén levaron premio en forma de metal neste campionato galego, axudando a acadar a cifra de 12 medallas para o Club Natación Ponteareas, as cales se suman as 13 xa conseguidas no campionato galego júnior e absoluto a finais do pasado mes de xuño.
Carla Faro, Javier Alonso e Andrea Domínguez representarán ao club ponteareán no vindeiro campionato de España alevín, que se celebrará os días 16, 17, 18 e 19 de xullo na Coruña.