Desembarca en Ponteareas ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, a obra de teatro de Chévere que lembra o Prestige

Desembarca en Ponteareas ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, a obra de teatro de Chévere que lembra o Prestige

A representación será o sábado 13 de maio ás 20.30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo

Fin de semana de teatro en Ponteareas. Este sábado 13 de maio desembarca no auditorio municipal Reveriano Soutullo ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, unha obra de teatro de Chévere que lembra a traxedia do Prestige despois de dúas décadas. No ano 2002 esta traxedia asolaba as costas galegas e milleiros de voluntarios e voluntarias saíron a loitar contra ela vestidos cos seus traxes brancos. Anos despois, outra traxedia sacudía Galicia e o resto do mundo, unha pandemia na que de novos os traxes brancos de protección volveron a ser protagonistas. Unha realidade que foi a que inspirou a Chévere para que o público non esqueza que as cousas poden ser doutra maneira.

Deste xeito, con dramaturxia e dirección de Xron, a compañía galega presenta unha ficción con base documental que aborda a ferida aínda aberta polo desastre do Prestige e a conecta cunha humanidade abocada a catástrofes anunciadas como a pandemia ou a crise climática. Nela, Manuel Cortés, Borja Fernández, Mónica García, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Arantza Villar poñen corpo a testemuños reais das persoas que habitaban a zona máis castigada pola marea negra e recrean a xestión fallida da crise por parte das autoridades.

A obra representarase este sábado 13 ás 20.30 horas. As entradas terán un prezo de 3 euros por persoa e poranse á venda o venres de 10.00 a 14.00 horas na biblioteca municipal ou o propio sábado na billeteira do auditorio de 11.00 a 13.00 e de 18.30 a 20.30 horas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar dunha tarde de teatro no auditorio municipal este sábado cunha obra “que acode á memoria colectiva e coa que tentar desfacer o feitizo que segue a rodear a catástrofe do Prestige”.