Grande acollida do libro de Esther Sestelo, no que enxalza o Corpus de Ponteareas e as súas alfombras florais

Grande acollida do libro de Esther Sestelo, no que enxalza o Corpus de Ponteareas e as súas alfombras florais

A pregoeira do Corpus o ano pasado presentou arroupada polo público a súa obra Clara e o seu diario, nunha experiencia marabillosa

O Corpus Christi de Ponteareas quentou motores esta fin de semana coa presentación do novo libro de Esther Sestelo Longueira, Clara e o seu diario, nunha experiencia marabillosa, un acto que tivo unha grande acollida por parte do público, que se achegou ata a sala multiúsos do auditorio municipal para gozar desta obra que enxalza a festividade do Corpus e as súas alfombras florais.

“Para nós é un luxo contar cunha embaixadora tan comprometida coa difusión da nosa festa, unha arte efémera que xa é un dos sinais de identidade de Ponteareas no mundo”, destacou durante a presentación a alcaldesa, Cristina Fernández.

Pregoeira do Corpus no ano 2022, a musicóloga e historiadora achegou ao público detalles desta novela de literatura infantil e xuvenil na que Sestelo debulla para os lectores e lectoras a experiencia de vivir o Corpus a través da visión da súa personaxe principal, Clara. Trátase dun libro en edición bilingüe castelán galego publicado pola editorial Belagua, a cuarta aventura da serie ‘Clara e o seu diario’, co que a protagonista volve contar historias a través do seu diario falado.

“A través dos ollos de Clara convido ás persoas lectoras a vivir intensamente unha festividade moi especial para todas as ponteareás e ponteareáns, uns días únicos e inesquecíbeis, de plena cor e xenerosidade, que no libro marca a personalidade e sensibilidade da protagonista”, explicou a autora.

Ademais de escritora, Esther Sestelo Longueira é doutora, musicóloga e historiadora en Ciencias da Música, catedrática de conservatorio, profesora de universidade e académica. Sestelo cedeu os dereitos de autoría do libro para colaborar coas necesidades escolares e culturais das nenas e nenos de Ponteareas.