O Concello de Ponteareas convoca subvencións a colectivos sociais, veciñais e culturais por valor de 34.000€

O goberno de Ponteareas co obxectivo de apoiar as iniciativas da veciñanza e promover o asociacionismo ven de convocar tres liñas de subvencións por valor total de 34.000€ para as actividades e gastos executados en 2017.

Por un lado e co obxectivo de fomentar e apoiar as iniciativas das entidades sen ánimo de lucro, convoca as subvencións dirixidas ás entidades sociais que desenvolvan programas para promover o benestar social da cidadanía de Ponteareas, a través de accións ou actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres… todas elas dentro do ámbito de intervencións das Concellerías de Servizos Sociais e de Benestar Social e Igualdade e que se realicen durante o ano 2017 cun total de dez mil euros.

http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2017/11/2017.11.21-Bases-axudas-entidades-sociais-.pdf

Por outro lado, o goberno de Ponteareas para contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal convoca a subvención para investimentos destinada a colectivos de interese veciñal (asociación de veciños, comunidades de usuarios de augas, comunidades de montes). O Concello de Ponteareas achegará un total de 15.000€ tanto para a realización de obras como de equipamentos, camiños veciñais e traídas de augas co obxectivo do mellor aproveitamento dos recursos públicos. A axuda económica que se conceda poderá acadar ata o 80% do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 6.000€ para a realización de obras e de 3.000€ para a dotación de equipamentos.

http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2017/11/Bases-VECIÑAIS-investimentos-.pdf

Por último, publícanse as bases reguladoras de subvencións para aquelas entidades que realizan actividades festivas e culturais, principalmente ao aire libre, non ligadas ás festas patronais ou tradicionais de cada parroquia, e para as que non perciben axuda doutras convocatorias municipais por valor total de 9.000€. http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2017/11/BASES-REGULADORAS-DE-SUBVENCIÓNS-DIRIXIDAS-ÁS-ENTIDADES-SOCIAIS-DO-CONCELLO-DE-PONTEAREAS-PARA-O-ANO-2017-.pdf

O sábado día 9 ás 19:15 horas, o Alcalde de Ponteareas reunirase no salón de plenos coas traídas de augas para aclarar dúbidas e tamén recoller as demandas e posibles suxestións dos usuarios para realizar en 2018 unha convocatoria cunha cuantía que permita apoiar as obras veciñais nun servizo básico como é a auga en todas as vivendas.

O mesmo sábado día 9 ás 12:00 horas están convocados no salón de plenos os colectivos que poden ser beneficiarios das outras dúas convocatorias.