Comezan as obras para a mellora da mobilidade e seguridade peonil no acceso á igrexa de Guláns

A concellería de Vías e Obras adianta que as obras teñen un prazo de execución de cinco meses e teñen un custe total de máis de 300.000€ dos que o concello aporta o 20%

A Deputación de Pontevedra vén de comezar as obras do proxecto para a mellora da mobilidade e seguridade peonil na estrada provincial EP-4004 de acceso á igrexa de Guláns, dende o PQ 0+000 ao PQ 0+490, no concello de Ponteareas. A actuación, a cuxo inicio asistiu hoxe o deputado de Infraestruturas Gregorio Agís, acompañado do alcalde Xosé Represas, e da concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, entre outras concelleiras, foi adxudicada á empresa “Obras, Reformas e Saneamentos, S.L.” cun orzamento de 305.023,73 euros dos que o concello aporta o 20% do custe. O prazo de execución das obras é de 5 meses nun proxecto enmarcado nos criterios de mobilidade segura da Deputación de Pontevedra.

O obxecto da actuación é a mellora do firme actual da estrada, a mellora das instalacións e a ampliación da beiravía, o que permitirá mellorar a mobilidade nesta vía. En concreto, levaranse a cabo obras nun tramo de case 500 metros da estrada, que dá acceso á igrexa e o cemiterio de Guláns, así como ao colexio Feliciano Barrera. Ata o de agora, este tramo carecía de elementos de calmado de tráfico e seguridade peonil.

O deputado Gregorio Agís destacou a importancia desta intervención que “busca a mellora da seguridade peonil e dos servizos públicos”. Ademais, “esta contorna agradece este tipo de actuacións que poñen en valor un espazo, dándolle prioridade a seguridade dos peóns sobre o tráfico rodado”, engadiu o deputado.

Por último, Agís tamén fixo fincapé na renovación do alumeado “substituíndoo por un novo sistema máis eficiente e sostible”. Pola súa banda, a concelleira de Vías e Obras puxo en valor que a Deputación atendeu a demanda do concello. “Este é un exemplo da colaboración entre institucións”, asegurou, e subliñou que “a intervención será satisfactoria para todas e todos, especialmente para a veciñanza á que agradezo as súas aportacións e boa disposición”.

O tramo da actuación, con velocidade limitada a 30 quilómetros por hora, está composto por unha calzada de dous carrís, de 3 metros cada un, e dúas beiravías de tamaño variable. Así, o proxecto inclúe unha beiravía na marxe esquerda para garantir a mobilidade e seguridade da veciñanza, e na zona da igrexa contempla unha plataforma única compartida con prioridade para os peóns. Ademais, tamén se procederá á mellora e renovación do alumeado público, así como á execución da sinalización horizontal e vertical correspondente.