A Corporación de Ponteareas condena a violencia machista

Todos os grupos da Corporación convocan unha concentración en repulsa da violencia machista para mañá venres ás 12 do mediodía diante do Concello

A Corporación do concello de Ponteareas (BNG, PSOE, PP E ACIP) condena os feitos acontecidos na noite de onte na que unha veciña era vítima da violencia machista e rexeita de cheo todo tipo de violencias. Todas e todos os membros da Corporación fan un chamamento á cidadanía para traballar de xeito conxunto na erradicación da violencia de xénero, denunciando e descubrindo ante as autoridades accións e actitudes impropias nunha sociedade cívica, respectuosa e avanzada.

Así mesmo, convidan a toda a veciñanza a construir unha sociedade igualitaria na que as diferenzas non sexan de xénero se non diferenzas enriquecedoras que manifesten o mellor de cada un e de cada unha.

Todos os grupos coinciden en destacar que non se deben perder os folgos e que cada día é preciso a concienciación, a formación e os apoios ás vítimas.

O concello, que dende o momento en que tivo coñecemento a concellería de Igualdade e o CIM lle prestou o seu apoio á familia, reafirma este compromiso e a disposición de axudar con todos os medios municipais cos que se contan para seguir ao lado da vítima e dos seus achegados.

Todos os grupos da Corporación convocan unha concentración de repulsa da violencia de xénero para este venres ás 12 do mediodía diante do concello e convidan a toda a cidadanía a participar. A Corporación lamenta profundamente estes sucesos e agarda que todas e todos xuntos poñamos fin á violencia de xénero