O ciclo “Venres D_letras” acolle a presentación de “As receitas de Rosaura”, de Isabel Blanco e Luz Beloso

O ciclo “Venres D_letras” acollerá esta semana a presentación de “As receitas de Rosaura”, dirixido ao público infantil. O libro nace da colaboración entre a escritora ponteareá Isabel Blanco, e a ilustradora Luz Beloso, e vai ser presentado polas autoras o venres, día 15, ás 20:30 horas, no Salón de Plenos do Concello.

“As receitas de Rosaura” comeza presentándonos a Rosaura, afeccionada á cociña, e facendo unha listaxe co material necesario para a elaboración dos pratos. A continuación recolle media ducia de receitas escritas en verso e pensadas para que os nenos poidan achegarse ao mundo da gastronomía. Falamos, xa que logo, de receitas sinxelas e aptas para a súa preparación por parte dos máis pequenos da casa, e que amais axudará a achegalos a unha comida máis saudable.

Parte fundamental do libro son os debuxos realizados por Luz Beloso, unha das nosas representantes máis destacadas no eido da ilustración. Autora dunha ducia de libros e álbumes ilustrados, tanto dirixidos ao público infantil coma xuvenil, e galardoada con varios premios polo seu traballo, tamén ten participado en varias exposicións de pintura nacionais e internacionais.

O ciclo “Venres D_letras”, posto en marcha pola Concellería de Cultura, pretende achegar a Ponteareas algúns dos traballos máis relevantes do panorama literario actual. O vindeiro mes terá continuidade coa presencia do autor lugués Luís Valle, que presentará o seu último poemario “Para que eu beba”.